Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Román Rodríguez

"Fíxose unha renovación sensata e intelixente no momento xusto, que dará froitos nestas eleccións"

O Deza foi canteira vizosa para o PPdeG. De alí procede Román Rodríguez, profesor da USC e concelleiro en Lalín que quere dar o salto ao Parlamento.

R. Noguerol - 09:30 19/02/2009
Román Rodríguez, concelleiro de Urbanismo en Lalín e candidato do PPdeG ao Parlamento

Román Rodríguez, concelleiro de Urbanismo en Lalín e candidato do PPdeG ao Parlamento

Vostede que é de terra do cocido... que se coce nestas eleccións?
Pois nestes comicios cócese a decisión clave entre un modelo de Goberno que se demostrou que non funciona para o país e a posibilidade de que os cidadáns decidan outorgar a confianza maioritaria para xirar a nave cara a un goberno do PPdeG. Un goberno co que poderemos poñer en marcha medidas áxiles e eficaces contra unha crise que é dobre, económica e política.

Que cuestións destaca para esta campaña no seu papel de aspirante a escano pola circunscrición de Pontevedra?
Temos un programa electoral moi completo que sintetiza nun feixe de iniciativas a nosa capacidade de ofrecer respostas para as demandas que Galiza necesita e, en definitiva, as prioridades para o conxunto do país coinciden coas que en Pontevedra son as demandas máis urxentes. Eu destacaría a necesidade dunha aposta clara e forte en favor da creación de emprego, polo afortalamento do tecido económico da sociedade, a rebaixa de impostos, o apoio aos emprendedores, a promoción e posta en valor das nosas potencialidades e produtos, o equilibrio territorial... E en definitiva, un abano de medidas que estou seguro de que son capaces de xerar ilusión e confianza na xente, factores que, máis neste tempo, son decisivos para o impulso do país.

Ten pensado deixar a area municipal para centrarse no combate parlamentario ou seguirá no concello?
Penso que o labor municipal merece seguir no esforzo. Nese sentido, decidín solicitar a excedencia do meu traballo como profesor da Universidade de Santiago, que até o de agora compatibilizaba co Concello, e centrarme na tarefa política.

E como afronta esa transición á Cámara?
Con moita ilusión e sentido da responsabilidade. Aspiro a facer todo o que poida non só polo Deza, senón por Galiza en conxunto e participar dun proxecto ambicioso capaz de ofrecer propostas para mellorar a vida dos cidadáns.

No ámbito que lle toca máis de perto, Urbanismo e Medio Ambiente, verá sombras como balance do Goberno actual pero se cadra tamén algunha luz?
O Goberno actual non acumula unha boa traxectoria neste eido. Eu cualificaría a actuación de Política Territorial de inquisidora e negacionista. Mesmo cando despregaron medidas que se podía entender que podían ter un certo impulso positivo, na súa aplicación práctica remataron facendo que fosen negativas. Poñamos por caso o documento marco para a ordenación do territorio, o que eu cualifico como un conxunto de directrices "top manta", xa que chegan froito da copia dun produto que xa existía e ao que por riba se lle empeora a calidade.

O executivo neste ámbito caracterizouse por elaborar un discurso e na práctica facer o contrario do que dicían que ían facer. Vexamos por exemplo o que aconteceu co plano para o litoral, onde introducen unha moratoria que en realidade non foi máis que un xeito de aparcar un problema sen decidirse a solucionalo e creando máis conflito no escenario. Por riba, vemos como se enchoupou o urbanismo de criterios partidistas, mesmo con decisións inéditas, plans xerais con aprobacións parciais, trato diferencial segundo a cor política dos concellos... Simple propaganda. O plan sectorial de vivenda é outro bo exemplo da falta de consenso coa que xestionaron e o forte rexeitamento social que xeraron. Na miña opinión foron catro anos perdidos no departamento de Política Territorial, freando un conxunto de iniciativas que se crearan nos últimos anos dos gobernos de Manuel Fraga. Por riba, xeraron descoordinación, mareando os concellos entre os despachos de Medio Ambiente, Urbanismo e demais.

E non pensa que había unha percepción grande a pé de rúa de que existían asuntos urxentes no ámbito urbanístico que non se estaban atendendo, buratos ignorados polo PP na súa etapa de goberno? E por outro lado, e pensando en cuestións como a do feísmo urbanístico, había se cadra certa resignación social?
A plasmación urbanística da ordenación do territorio, ten unha compoñente sociolóxica importante. É un proceso lento e que non se fai dun día para outro. É necesario tamén que vaia cambiando, para mellor, o que poderíamos chamar "cultura do urbanismo". Eu penso que nese sentido, desde a lei do solo do 97 vivimos avances importantes. Sobre todo no ámbito municipal, déronse pasos clave. E creo que até 2005 iamos no impulso de moitas medidas chave na media estatal en canto ao despregue de iniciativas lexislativas. Iso freouse coa chegada do Goberno actual, onde se aparcan as directrices do territorio e o plan do litoral. E o que se fai, paradoxalmente, é complicar o escenario no canto de facilitar as solucións. Nesa liña o noso obxectivo será recuperar o impulso que levábamos.

Lalín é xunto con Ribeira, o espazo municipal de poder máis relevante que ten o PP agora mesmo en Galiza... non é un decepcionante balance? Foi lento o PP en propoñerlle ao electorado a renovación de caras e de discursos?
Eu creo que a renovación fíxose no momento xusto. Un partido coa presenza e a forza social do PP ten os seus tempos e é inevitábel que en certos instantes se proceda a factores de renovación e adaptación aos propios cambios da sociedade. O importante é que se faga con sensatez e axilidade e creo que estamos no caso. Foi unha renovación intelixente e no momento oportuno. E aplicáronse criterios territoriais de formación, respondendo a todas as sensibilidades. Un proceso que foi un verdadeiro exemplo de sensatez e responsabilidade e que nese sentido creo que será valorado polos cidadáns. A propia elaboración das listas para estas eleccións é exemplo disto que falamos. Estou seguro de que veremos como este proxecto dá froitos nesta campaña electoral e é capaz de gañar a confianza da cidadanía.

Agora que falamos das listas, relevantes compañeiros seus no PP pontevedrés foron o outro día atrás dunha pancarta dun colectivo que pide suprimir a lexislación que protexe a lingua... vostede que procede dunha zona que achegou significados representantes do sector galeguista do PP... como lle explica iso aos veciños dun concello con ampla porcentaxe de galegofalantes?
Eu parto do respecto á petición que un conxunto de cidadáns faga da liberdade para elixir o idioma que cada quen queira. Temos que apostar por un bilingüismo que parta desa idea. E non debemos impoñer ningún idioma. De todas formas, eu como galegofalante e persoa que vive nun contorno galegofalante maioritariamente, penso que é importante que este tema non forme parte da loita política. A lingua non é para pelexarmos, senón para comunicarnos.


1,73/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: