O candidato socialista estivo arroupado polo presidente do goberno español e dous ministros, pero non encheu o pavillón de Riazor.
Emilio Pérez Touriño, nun multitudinario mitin que tivo lugar na Coruña e ao que asistiu tamén o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, augurou unha vitoria socialista nas urnas o 1 de marzo. Touriño arremeteu contra o PPdeG, do que dixo que "non é alternativa de goberno".
O candidato á reelección como presidente da Xunta considerou "de chiste" as "tramas de control do poder político" e as "guerras" dentro do PP. Nun pavillón de deportes de Riazor non completamente cheo, perante 5 mil persoas, Pérez Touriño advertiu de que "non votar é favorecer a un partido que apela á desmotivación e ao desencanto" e prognosticou "unha gran derrota electoral" para os populares.
"Galiza iniciou hai catro anos un camiño sen retorno e imos seguir", proclamou, e asegurou que "todos os avances conseguidos" son só "o inicio dun longo camiño de progreso". Así, pediu "participar masivamente" nas urnas "para volver ser a primeira forza política na Coruña e en Galiza".
Tamén falou do debate electoral previsto para o venres na TVG, ao que Alberto Núñez Feijoo aínda non confirmou a asistencia. Del dixo que puxo "escusas de mal pagador para escorrer o vulto", porque "ten medo de contar a verdade do que pensa".
Recordo de caciques e chapapotes
Por outra parte, o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, pediulles aos mozos que limparon "de chapapote as praias e de caciques os despachos" que voten o candidato socialista á reelección como presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, porque "xa se sabe como é a dereita e, en especial, en Galiza". Teimou Zapatero en que que a chegada dos socialistas á Xunta supuxo "a fin dos favores e o comezo dos dereitos".
"Agora Galiza é dos galegos e non dos caciques, como viña sendo toda a vida; acabouse a política do ordeno e mando, da imposición, e dos favores para pasar ao respecto democrático, a transparencia, e o diálogo coa sociedade", defendeu ao respecto Rodríguez Zapatero. Ao fío, animou os mozos a votar "masivamente" o próximo 1M para "consolidar o cambio, alcanzar o 0,7% na loita contra a pobreza e terminar cos paraísos fiscais".