Na primeira fin de semana de campaña, diferentes estudos confirman o bo estado dos conservadores, que lograrían entre 35 e 38 deputados despois de catro anos na oposición.
Os conservadores perderán só dous escanos con respecto a 2005. Este é o prognóstico que dá o xornal La Voz de Galicia para as eleccións galegas. Os socialistas benefícianse desta caída e os nacionalistas repiten o mesmo resultado. De cumprirse a enquisa feita por sondaxe no Hórreo haberá a partir de marzo 35 deputados do PPdeG; 27 do PSdeG; e 13 do BNG. Por circunscricións, os movementos prodúcense na Coruña e en Pontevedra, onde os socialistas obteñen os dous deputados a conta dos “populares”.
Un dato que chama a atención na enquisa de La Voz é que o 39% dos entrevistados non saben ou non queren dicir a quen van votar o 1 de marzo.O estudo demoscópico, elaborado entre o 10 e o 13 de febreiro, non ten en conta o voto emigrante.
Unha sondaxe ben distinta é a que publica tamén este domingo Xornal de Galicia. Este diario coincide con La Voz á hora de asignarlle 35 deputados ao PPdeG, porén asegura que o gran beneficiado vai ser o BNG que aumentaría tres escanos e situaríase en 16. Pola súa banda, os socialistas cederían un deputado e quedarían con 24. O estudo asínao a empresa Quadernas Consultoría.
La Región ve un PPdeG ás portas de San Caetano
Pola súa parte, o xornal ourensán La Región dálle máis folgos ao PP. Segundo unha enquisa de Infortécnica, os de Núñez Feijoo lamberían a absoluta ao estar entre os 36 e 38 deputados. O mesmo medio prognostica un resultado de entre 25 e 27 deputados para o PSdeG e 12-13 para os nacionalistas.