A plataforma manifestarase ao mediodía contra as políticas de especulación e explotación do territorio. Pola tarde, un concerto na Sala Nasa.
A plataforma Galiza non se vende volve convocar a cidadanía do país para manifestar a súa protesta pola política ambiental do Goberno. O colectivo organiza unha manifestación nacional este domingo 15 ao mediodía en Compostela, que partirá da Alameda.
Na manifestación tomarán parte máis de 50 organizacións e asociacións de todo tipo, tanto ecoloxistas como sociais, veciñais ou culturais. O lema será "Goberne quen goberne, Galiza non se vende", e os seus obxectivos múltiples, que se resumen en recuperar e potenciar os espazos e os coñecementos para ter un futuro garantido fronte á especulación, a degradación, o esquecemento e a explotación do territorio.
A concentración de protesta veu precedida dunha serie de concertos reivindicativos da caravana Galiza non se vende. O derradeiro terá lugar tamén en Compostela, despois da manifestación, o domingo ás 17:30 horas na Sala Nasa, coas actuacións d'Os da Ría, The Homens, Quempallou e Dakidarría.