Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
baséase na "súa intuición"

Rajoy acusa ao PSOE ou á Xunta de estar detrás das filtracións sobre os negocios escuros de membros do PP

O presidente dos populares afirmou que "o único que funciona de verdade" é a Fiscalía, mais "para tentar botar lixo" sobre o seu partido.

Redacción - 18:34 13/02/2009
Carlos Negreira (esq.) conversa con Corina Porro na presentación de candidatos do PPdeG. Á dereita, o dimitido Luís Carrera

Carlos Negreira (esq.) conversa con Corina Porro na presentación de candidatos do PPdeG. Á dereita, o dimitido Luís Carrera

O presidente do PP, o pontevedrés Mariano Rajoy, afirmou esta sexta feira que a súa "intuición" dille que a Xunta ou o PSOE "están detrás" das filtracións sobre casos nos que estarían implicados membros do seu partido en Galiza. O popular acrecentou, ademais, que no goberno español "o único que funciona de verdade" é a Fiscalía, mais "para tentar botar lixo por riba do PP".

Rajoy falou así tras ser preguntado pola información difundida pola Cadea Ser sobre o cabeza de cartel do PPdeG pola Coruña, Carlos Negreira, quen está a ser investigado, por parte do Tribunal de Contas, pola súa xestión á fronte de Portos de Galicia. Negreira ocupou esta cargo en 2003, e foi nomeado por Alberte Núñez Feijoo, que, naquela altura, era conselleiro de Política Territorial.

O dirixente popular dixo descoñecer este asunto, e non respondeu cando os xornalistas lle preguntaron se pensa apartar a Negreira da candidatura da Coruña, como hai unha semana aconteceu con Luis Carrera en Ourense. Rajoy simplemente criticou a que el ve como unha estratexia de "luxar o PP". "Isto é o único que funciona en España neste momento, e non estou disposto a aceptalo de ningún xeito", aseverou o líder popular, ao tempo que denunciaba que só saen nos medios as informacións relacionadas co seu partido, mentres "existe un goberno paralizado" que é "absolutamente incapaz de abordar a crise económica".

As presuntas irregularidades da xestión de Negreira
Segundo a información difundida esta sexta feira pola Cadea Ser, mentres Carlos Negreira estivo á fronte de Portos de Galicia, adxudicoulle "a dedo" un contrato de seguridade á empresa Segurisa, pertencente a Enrique Sánchez, un dos acompañantes do vicepresidente da Comunidade de Madrid, Ignacio González, a unha viaxe privada a Sudáfrica, relacionado coa suposta trama de espionaxe madrileña.

Esta emisora lembrou que o Tribunal de Contas investiga por que Segurisa recibiu o contrato de Portos de Galicia, pesa a "non cumprir os requisitos do prego de condicións", e por que estes contratos foron prorrogados "incumprindo a lexislación vixente sobre contratación coa administración pública".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: