Coa incerteza sobre a cita dos tres líderes principais, Alfonso Rueda (PPdeG), Ricardo Varela (PSdeG) e Alfredo Suárez Canal (BNG), participaron nun debate nas cámaras da tv pública.
O PP iniciou o debate poñendo en cuestión a imparcialidade do escenario elixido, a televisión pública do país, insistindo o seu secretario xeral, Alfonso Rueda, en que a canle non está sendo imparcial e está actuando "de xeito tendencioso" na cobertura informativa de todo o relacionado co PP, segundo acusou Rueda. "Estamos aquí para que non digan que non somos democráticos", subliñou o representante popular para o peche da súa intervención inicial.
"É importante que culminemos un proceso histórico impulsado co traballo de moita xente", afirmou Alfredo Suárez Canal, conselleiro de Medio Rural e cabeza de lista do BNG por Ourense, na súa primeira quenda no debate. O ourensán apuntou que Galiza está completando un "salto histórico importantísimo" e destacou a oportunidade de "ratificar" o que na súa opinión é unha transformación significativa ao longo de tres anos e medio. "Queremos que a percepción e o pensamento de que a forza que máis compromiso ten con Galiza é o BNG se traduza en apoio electoral", expuxo Suárez Canal, subliñando a vontade do Bloque de apostar por un modelo de dinamización da economía produtiva que poña a Galiza
O vicesecretario xeral do PsdeG e cabeza de lista por Lugo, comeza ironizando sobre a reticencia do líder do PP a acudir ao debate con Touriño e Quintana e recorda o extraño de que alguén desde a oposición renuncie a esa confrontación televisiva. A continuación, Varela centrouse en destacar o cambio que imprimiu o novo goberno en 2005 no país. "Un país máis protexido e igualitario", avalía o socialista, salientando a procura da modernidade e o aproveitamento das oportunidades que, na súa opinión, fixo o executivo en todas as áreas de goberno.
O PP acusa a Xunta de "división", PSOE e BNG subliñan o pacto de Goberno
"O bipartito non estivo á altura dos galegos", valora Afonso Rueda, afondando na idea da "imaxe de división" que, di, transmitiu o executivo neste tempo. "Un goberno debe estar coordinado", insiste. O popular rexeita a acusación de que o seu partido apele á abstención dos electores e retruca que a presunta desmobilización da que lles acusan PSOE e BNG de fomentar ten a súa orixe na "decepción profunda" dos votantes socialistas e nacionalistas. Nese sentido, di estar seguro de que a abstención afectaralle unicamente aos que en 2005 apoiaron a seus rivais, aos que convida a iren ás urnas a "confiaren" no PP desta vez.
Ao respecto, Alfredo Suárez Canal retruca que o actual executivo asinou un pacto de goberno no seu momento que "cumpriu na súa maior parte" e rexeita a acusación de división, lembrando os roces pasados nos anteriores gobernos do PP. Por outro lado, o nacionalista céntrase en defender as que na súa opinión foron as claves de acción do Goberno, que resume no impulso de políticas "transformadoras" e cambios estruturais. "Pasouse a apostar por unha economía produtiva no canto de por un escenario especulativo", destaca Suárez Canal. De seguido, fai repaso por áreas, con atención especial a benestar, vivenda, cultura e aproveitamento enerxético, e remata expoñendo que, en particular a área nacionalista, realizou "unha política comprometida con Galiza.
"Os partidos deben resolver os problemas que lle preocupan á xente", sostén Ricardo Varela na súa quenda, reprochando a actitude no debate do contertulio do PP. Ao fío, explica que o balance da lexislatura que remata ten dous períodos diferentes. Ao parecer de Varela, os tres primeiros anos son exemplo "evidente" do aproveitamento de oportunidades e potenciais do país, "rendabilizamos capacidades", gábase o tamén conselleiro de Traballo, destacando as cifras que evidencian o avance no crecemento e a converxencia co Estado e coa UE. "Incrementamos a renda dos cidadáns e viramos a tendencia do desemprego", defende. Ao respecto, repara o lugués no departamento que lle tocou xestionar, para expresar en particular a súa satisfacción polo "esforzo de diálogo" cos axentes socioeconómicos. "Ese acordo permitiu que o país fose máis confiábel e que as empresas o miraran con máis interese", sentencia.
Entre a cola do paro e a rapidez de reacción fronte á crise
"Vaian e miren a cola do paro e díganlles aos cidadáns que estamos mellor", desafiou posteriormente o representante do PP aos rivais. Rueda seguiu tratando de facer ferida no distanciamento entre os socios do Goberno, poñendo exemplo co concurso eólico. "Non houbo transparencia, e non o digo eu, senón os empresarios e o propio PSOE", opinou. Un punto no que o representante nacionalista lle respondeu argumentando en favor da transparencia e recordando as concesións "a dedo" do goberno anterior. Desafiou así Suárez Canal a que expuxese o PP a que empresas beneficiaría no seu caso ou ben a explicar se se opoñen a reservar un 14% dos beneficios "para o erario público".
Outro punto de fricción foi posteriormente a presunta inconcrección de medidas que, na opinión do voceiro do PP, é balance especialmente no ámbito das políticas de benestar. Rueda elixiu o exemplo da lei de dependencia, que definiu como evidencia da "demagoxia" e a "propaganda" da Xunta. O representante do Bloque concedeu os problemas para o financiamento dese ámbito, pero salientou o recoñecemento de dereitos inexistentes antes e fixo repaso doutros logros do mesmo departamento. Doutra banda, o voceiro socialista confrontou co popular ao respecto das políticas de traballo, censurando as políticas aplicadas polo PP noutras zonas do Estado onde, subliñou, o aumento do paro en tempo de crise "triplica" o rexistrado en Galiza. De paso, recordou Ricardo Varela as propostas de redución de emprego público realizadas por unha das fichaxes estrelas dos populares, o economista Pedro Arias, reprochándolle tamén as súas arengas en favor do despido libre.
A lexislatura comezou coa imaxe dos incendios e remata coa da fila do paro, rematou Rueda esgrimindo cadansúa foto. Varela destacou que a Xunta fose pioneira na actuación fronte á crise e subliñou o esforzo de "modernización" e a prol da competitividade. Suárez Canal centrouse en valorar que as políticas de "transformación de fondo calado" da Xunta garantirán unha mellor reacción de Galiza cando afrouxe a crise global.
O cruce de acusacións, enlama a exposición dos retos de futuro
No segundo gran bloque do debate os candidatos tiñan que falar dos seus proxectos de futuro. Porén, o “popular” Alfonso Rueda centrou unha vez máis a súa intervención no ataque sistemático ao bipartito. O político pontevedrés ocupou todo o seu tempo en criticar o “enchufismo” do BNG e o “desbalde” de recursos do PSdeG. Tanto Ricardo Varela como Suárez Canal rebateron estas críticas e acusaron ao PPdeG de non ter un só proxecto que presentar de cara a vindeira lexislatura. Rueda, o máis frouxo a nivel dialéctico, dubidou en máis dunha ocasión diante dos outros dous candidatos. Socialista e nacionalista conseguiron ofrecer imaxe de complementariedade (aínda que defendendo propostas diferentes).
Rueda, buscando o máximo efecto mediático, lanzou dous aguillóns contra o Goberno. A Suárez Canal botoulle en cara a “contratación a dedo” dos empregados do Seaga e de ter empregado a máis de tres mil persoas no que cualificou de "diferentes chiringuitos”. Canal negou a existencia de “enchufes” e dixo que “chiringuitos” era a mellor definición para organismos creados na etapa popular (referíndose expresamente ás xa desaparecidas fundacións comarcais)
O dardo contra Ricardo Varela foi a polemica reforma do edificio de Presidencia e o custe do coche de Touriño. O socialista replicoulle ao PPdeG acusándoo de pobre argumentario se eses eran os temas primordiais, e a continuación acusou a Rueda de intentar manipular a opinión pública con “pura demagoxia” e “infamias". Nese punto, máis centrado no debate apareceu Suárez Canal, quen logo de criticar que non se falase de futuro e de propostas, abriu varias frontes: Instituto de Crédito, Lei de Caixas, novo modelo de financiamento, reforma estatutaria, o voto emigrante ou a necesidade de avanzar na normalización lingüística. Ao fío, pasou tamén a debullar propostas, aínda que en menor medida, Ricardo Varela, quen sinalou que o grande esforzo dos socialistas vai ser mellorar a educación (comprometeu un ensino trilingüe), a sanidade e os servizos sociais. Ademais, sinalou que Galiza precisa un líder para saír da crise e non un partido en crise e desunido (en referencia aos treboentos episodios que vive o PP a nivel estatal).
Apelación aos liderados en favor do cambio e do recambio
"O 1M Galiza xoga moito: a quen lle quere dar a confianza e nas mans de quen quere poñer a familia, fillos, educación, benestar... Feijoo e o PP levamos catro anos preparándonos para ese reto, con compromiso e sinceridade. Feijoo é un político honesto, un líder, un xestor experimentado, ten un equipo potente, cualidades todas que Galiza necesita agora para chegar a onde debe estar", expuxo Afonso Rueda, o primeiro en realizar o seu discurso final.
"O 1M é un día grande e os cidadáns deben elixir quen queren que pilote o barco nestes catro próximos anos. E aí, o presidente Pérez Touriño tivo unha xestión exitosa nos anos en que Galiza aproveitou a conxuntura para explotar as súas capacidades, e poderá facelo agora tamén en tempo de crise. Touriño combina dúas importantes capacidades: rigor económico para atravesar o escenario con fortaleza e sensibilidade social, para axudarlles aos que teñen máis dificultade", valorou Ricardo Varela na súa derradeira intervención no debate.
"Galiza é nesta cita o compromiso prioritario. E cando se trata de traballar por Galiza, o BNG demostrou sempre que é quen mellor cumpre. Esa realidade hai que transformala o 1M en confianza para que Galiza pese máis. Dicía Castelao, en referencia ao agro, que os gobernos debían enfrontar os retos sen arredarse, con valentía, sabendo que o que fan é unha tarefa de futuro. Esa é a máxima que practican o BNG e seu líder, Anxo Quintana: quen gaña é Galiza", pechou Alfredo Suárez Canal na intervención coa que rematou a cita televisiva.