"Vigo, máis ca nunca, polo seu ben e polo de Galiza, necesita un presidente que o sinta e o viva", afirmou o líder do PpdeG.
Apuntou Alberto Núñez Feijoo durante a conferencia pronunciada na tarde deste luns no Club Faro, na cidade olívica, que nesta lexislatura, o PP presentou no Parlamento até 370 iniciativas parlamentarias relacionadas con Vigo, fronte ás 17 do PSOE e 75 do BNG. Un balance que na opinión de Feijoo exemplifica a atención dos populares cara á cidade máis poboada do país. "Chegou o momento de recuperar o tempo perdido", indicou, afirmando que o seu partido terá un amplo compromiso investidor coa cidade.
Ao respecto, centrouse Núñez Feijoo no sector da automoción, cualificándoo de prioritario, sinalando que disporá dun plan anticrise a cinco anos orientado nunha dobre dirección: "incentivar a adquisición de vehículos e reducir os custes de fabricación dos mesmos". O PPdeG propón así suprimir o imposto de matriculación polo menos durante dous anos; apoiar con 1.000 euros a adquisición de cada coche novo (industrial ou turismo) que se compre; e 500 euros cando sexa de segunda man.
Outra proposta estrela é a decisión de impulsar o metro de Vigo "unha vez coñeza o estudo de viabilidade adxudicado polo bipartito hai tres anos e cuxo contido se descoñece". "Unha liña de metro é posíbel e necesaria e porémola en marcha na vindeira lexislatura", dixo Feijoo, insistindo en que Vigo ten a suficiente magnitude "como para que precise metro e para que este sexa rendíbel". No ámbito das infraestruturas, destacou tamén a promesa de ampliación da Ponte de Rande para o futuro Executivo do PPdeG, que tamén prevé executar as conexións da AG-57 con Nigrán, Baiona e Gondomar.