O líder nacionalista sinalou que respectaba a protesta pero que estaban "errados". O PSdeG condenou os actos violentos acontecidos durante a manifestación.
Varios cargos do PSdeG coincidiron, esta segunda feira, en defender a "liberdade" do colectivo, a chamada plataforma Galicia Bilingüe, que organizou este domingo en Compostela a manifestación contra o galego.
A secretaria de Organización do partido, Mar Barcón, defendeu o dereito deste colectivo a manifestarse "sen os ataques dun grupo minoritario que trata de desestabilizar unha sociedade en paz", ao tempo que aseguraba non coincidir co que esta plataforma defende. De feito, segundo Barcón, para os socialistas galegos, a lingua é "unha enorme riqueza", polo que garantiu que a súa formación se ha "rebelar" contra "quen queira impoñer unha lingua, sexa galego ou castelán".
Na mesma liña se manifestou o vicesecretario xeral do PSdeG, Ricardo Varela, quen indicaba nun comunicado que o seu partido "rexeita calquera forma de violencia, de agresión", así como calquera "conduta que trate de impedir a libre manifestación dos cidadáns", a pesar de "non compartir en absoluto" os postulados desta convocatoria.
Xosé Blanco condena as "agresións radicais"
O vicesecretario xeral do PSOE, o ulloán Xosé Blanco, manifestou tamén o seu "rexeite e condena ás agresión de radicais" rexistradas este domingo contra "unha xente" cuxas ideas non "comparte" pero que teñen "dereito a manifestarse".
Ademais, dirixiulles aos independentistas a advertencia de que "por ese camiño non se vai cara ningunha parte". "Galiza precisa entendemento, cooperación e unidade, e non precisa enfrontamentos e divisións", engadiu o socialista, quen se declarou, a seguir, "tan galego" cando usa o castelán como cando usa a súa "lingua materna: o galego", porque ámbolos dous idiomas son "de Galiza e de todos". "Por iso me rebelo contra aqueles que queren impoñer exclusivamente o castelán e contra os que queren impoñer o galego".
Quintana amosa o seu "respecto absoluto" aos que apoiaron a manifestación, aínda que cre que estean "errados"
O candidato do BNG á presidencia da Xunta e vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, manifestou o seu "respecto absoluto" cara as persoas que se manifestaron o domingo en Compostela, aínda que tamén sinalou que, na súa opinión, "están errados".
Quintana insistiu no seu respecto "por todas as opinións", aínda que considere algunhas "desatinadas", en referencia ás reivindicacións do colectivo que organizou esta manifestación. Neste sentido, sinalou que "non hai ningunha causa xusta que se poida soster sobre unha mentira", e afirmou que a denuncia deste colectivo sobre a persecución ao castelán é "simplemente, unha mentira".
Con respecto á contramanifestación, o líder nacionalista subliñou a súa condena "a todo tipo de acto de violencia" e lembrou que "os poderes públicos deben velar para que todo o mundo se poida manifestar en paz, os que están en contra e os que están a favor do galego". A este respecto apuntou que houbo persoas que quixeron manifestarse "pacificamente" e pediu "reforzos para protexer estes cidadáns".
"Feijoo está a enterrar calquera vestixio de galeguismo no PP"
Alén disto, Quintana culpou ao candidato do PPdeG ás eleccións do vindeiro 1 de marzo, Alberte Núñez Feijoo, de "fomentar o odio contra o galego" e preguntoulle se "se sente orgulloso" e se "lle merece a pena" a situación de enfrontamentos e incidentes vivida o domingo na capital do país.
O líder do BNG lembrou que o presidente dos populares galegos e aspirante a gobernar en Galiza "apoiou e promoveu esta manifestación contra o galego", polo que afirmou que "de galeguismo non ha volver falar, nin nomealo sequera". Segundo o nacionalista, o que Feijoo fixo foi "enterrar calquera vestixio de galeguismo no PP".