Os líderes de PSdeG e PPdeG mitinean en Montevideo e Bos Aires. Mariano Rajoy e Xosé Blanco desprázanse a Suíza.
Os candidatos á Presidencia da Xunta do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, e do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, rivalizarán esta fin de semana en senllos mitins en Montevideo e en Bos Aires, dúas das cidades con maior número de emigrantes galegos. Os socialistas programaron mitin de Touriño na capital uruguaia para o venres, mentres que o sábado toma o relevo na mesma cidade o líder dos populares, Núñez Feijoo, quen tamén visitará o Fogar Español, e se reunirá coa directiva do Centro Galego, ademais de dar unha conferencia no Centro Galego de Carrasco. O mitin do líder socialista en Bos Aires, para o que o PSdeG sostén que xa confirmaron asistencia 6.000 persoas, será o sábado pola tarde, mentres que o do presidente do PPdeG está programado para o domingo.
Por outro lado, o presidente do PP, Mariano Rajoy, e o vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco, decidiron implicarse persoalmente na campaña europea para as eleccións galegas e ambos os dous prevén desprazarse a Suíza, onde viven ao redor de 29 mil galegos. Segundo a información facilitada por ambos os dous partidos, Rajoy protagonizará este sábado un acto público con emigrantes na cidade de Lausanne e o domingo desprazarase á capital, Berna, para un encontro co Consello de Residentes Españois e Emigrantes. Rajoy viaxará acompañado polo director do departamento de Españois no Exterior, Alfredo Prada. Pola súa banda, Xosé Blanco programou a súa viaxe para a próxima fin de semana, unha vez iniciada oficialmente a campaña, e participará nun acto en Xenebra o 14 de febreiro e noutro en Zúric o domingo 15. Esta é a primeira campaña na que Blanco acode a dous actos en Suíza, explicaron fontes do PSOE-Europa.