Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza2009

A CRTVG organiza un debate a tres para o venres 20

O PPdeG cualifica de "desprezo" que non se acepte un cara a cara exclusivo de Touriño e Feijoo.

Redacción / EP - 09:00 05/02/2009

A Compañía de Radiotelevisión de Galicia vaille propor á Xunta Electoral Central (XEC) un debate a tres bandas entre os cabezas de cartel das forzas políticas con representación no arco parlamentario (PPdeG, PSdeG e BNG), que se celebraría o venres día 20 de febreiro, así como entrevistas individuais cos tres líderes os días 25, 26 e 27, cuxa orde se decidiu en función do número de escanos de cada grupo no Parlamento, de xeito que se iniciarán con Anxo Quintana, levará a continuación a Touriño e rematarán con Feijoo.

Esta foi a proposta votada este mércores no Consello de Administración da CRTVG no que os partidos políticos trataron o plan de cobertura do ente público para a campaña electoral, e que se resolveu cun empate a cinco votos, aínda que o resultado non é vinculante. A igualdade dos votos débese á ausencia de dous membros dos socios do Goberno, un por enfermidade grave e outro por falecemento. Debido a esta situación, o PPdeG retirou un dos seus membros para realizar a votación, pero malia que os socios instaron a que fosen dous, finalmente someteuse a proposta ao parecer dos representantes e resultou con cinco a favor e outros tantos en contra.

Aínda que os populares permitiron que, coa ausencia dun dos seus conselleiros, se formalizase o empate, socialistas e nacionalistas consideran que o resultado da votación non reflicte a maioría coa que os socios da Xunta contan neste órgano. O PSdeG definiu a actitude dos populares de "xogo sucio" e de intentar "tirar proveito" das ausencias dos representantes socialista e nacionalistas para "impoñer os seus criterios nun órgano onde non teñen maioría". Deste modo pronunciouse o secretario provincial do PSdeG da Coruña e membro do Consello de Administración da CRTVG, Moisés Rey, quen acusou os populares de "non atender ás máis elementais normas de respecto, dignidade e cortesía para conseguir os seus obxectivos políticos". Polo seu lado, os nacionalistas lamentaron que "só se ausentase" un membro do PP e, polo tanto, "impedise" que se reflectise a maioría "real" que existe no consello, o cal enmarcan na "obstaculización" que o PPdeG está a facer á celebración dos debates.

Debates dos outros cabezas de lista
Ademais da presenza dos líderes, o director da compañía da CRTVG, Benigno Sánchez, proporá ante a XEC debates electorais entre os 'número un' provinciais para o día 23 de febreiro e entrevistas con eles entre o 16 e o 18, ambas as dúas citas con desconexións territoriais provinciais.

Segundo as fontes consultadas por Europa Press, o director do ente público vaille formular á XEC a posibilidade dun debate a tres bandas entre os representantes que as forzas políticas designen, aínda que se baralla que sexan os 'números dous' de cada formación política, é dicir Alfonso Rueda (PP), Ricardo Varela (PSdeG) e Francisco Jorquera (PSdeG). Nesta proposta están excluídos os candidatos á Presidencia da Xunta e para levala a cabo, fixouse o día 11 deste mes, xusto antes do inicio da carreira electoral. Con todo, esta oferta non se votou, pero Benigno Sánchez comunicou, ao final da reunión, que a presentaría.

Os principais debates, os do día 20 e 11, serán retransmitidos en directo a partir das 21h30 e o sinal será cedido a todas as cadeas de televisión que queiran dispoñer das imaxes dos encontros. Polo seu lado, as entrevistas aos candidatos provinciais emitiranse sobre as 22h30, fronte ás 23h20 horas previstas inicialmente.

O PP critica a ausencia dun debate a dous
Mentres, desde o PpdeG insistían este mércores á saída do Consello de Administración do ente público en que se celebrase cadanseu debate por separado do presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, cos respectivos líderes de PPdeG e BNG, así como un terceiro que propuxeron que se realizase exclusivamente entre o líder dos populares e o dos nacionalistas. Considera o PpdeG que é "un desprezo aos galegos a negativa socialista a manter un encontro a dous na TVG entre os dous únicos candidatos con posibilidade de presidir a Xunta, Alberto Núñez Feijóo e Emilio Pérez Touriño".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: