Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Nas eleccións á Assembleia da República

O presidente portugués veta a posibilidade de que os emigrantes voten en urna

Cavaco Silva argumentou que a eliminación do voto por correo promovería a abstención. Os emigrantes portugueses só votan nos consulados nas presidenciais e nas europeas.

Redacción - 14:00 04/02/2009
Os emigrantes portugueses só votan por correo nas eleccións á Assembleia da República

Os emigrantes portugueses só votan por correo nas eleccións á Assembleia da República

En Portugal tamén andan ás voltas co voto emigrante. De feito, esta terza feira a polémica deu unha outra volta cando o presidente da República, o socialdemócrata Aníbal Cavaco Silva, empregaba o seu dereito a veto para parar unha reforma na Lei Eleitoral para a Assembleia da República, que introducía a obrigatoriedade de votar en urna para os emigrantes.

Hoxe en día, aos emigrantes portugueses só lles é posíbel votar por correo e de xeito presencial -nos consulados- nas eleccións á Assembleia da República, xa que nas presidenciais e nas europeas só está permitido o voto en urna -tamén nos consulados.

A alteración da Lei Eleitoral para a Assembleia da República foi aprobada polo Parlamento o pasado 19 de decembro, cos votos favorábeis da maioría do PSP e dos parlamentarios do PCP, BE e PEV. Pola contra, as bancadas do PSD, do CDS-PP e o deputado independente José Paulo Carvalho votaron en contra.

"A alteración agora proposta ía promover a abstención electoral"
Segundo o presidente da República, se non vetase esta mudanza da lei, alén de romperse unha tradición de máis de 30 anos -a lei está en vigor dende 1976-, había promoverse a abstención entre a emigración. "A alteración agora proposta ía promover a abstención electoral, como foi salientado polo Conselho Permanente das Comunidades Portuguesa, que chamou a atención sobre as dificultades inherentes ao exercicio do voto presencial, o que obrigaría a milleiros de persoas a percorrer centos ou milleiros de quilómetros para exercer un dereito fundamental", xustificou Cavaco Silva.

Porén, a Presidencia da República emitiu unha nota na que enuncian dous supostos nos que si admitirían "unha alteración deste alcance": "ao verificarse que, despois de máis de 30 anos", o réxime saínte "tíñalle dado azos á práctica sistemática de fraudes ou ilícitos electorais" ou que se concluíse que esta lei "é contraria aos principios constitucionais". Con todo, subliñan que, dende 1976 non ficaron demostradas situacións coma estas, nin foron verificados "ilícitos electorais practicados a través do voto por correspondencia". Alén disto, aínda salientan que "a dimensión da rede consular portuguesa" non é suficiente para "satisfacer en pleno as necesidades de sufraxio das comunidades portuguesas no estranxeiro". Por último, sinálase que "ao preverse que a votación ha durar tres días, colócanse entre outros, problemas como o da garantía da inviolabilidade das urnas situadas fóra dos consulados", o que, segundo indicaron dende o gabinete de Cavaco Silva, "pode ameazar a transparencia electoral".

Os socialistas han estudar as razóns do veto de Cavaco Silva
As reacción á decisión de veto de Cavaco Silva non tardaron. O primeiro en falar cos medios de comunicación portugueses foi o líder parlamentar socialista, Alberto Martins, que minutos despois de coñecer a opinión do presidente sinalou que esta merecía unha "ponderación e reexame". Mais Martins tamén deixou caer que nestes momento é necesaria unha valoración para decidir se sempre é preciso manter a colaboración entre Parlamento e Presidencia: "a bancada parlamentar sempre fai unha análise para ver en que medida teñen que ser asegurados os deberes de cooperación institucional".

Aínda que sinalando que Cavaco Silva ten "unha parte particularmente relevante no proceso", Alberto Martins reiterou os argumentos do PS para impoñer o voto presencial nestas eleccións, ante a "exixencia constitucional da personalidade do voto".

O Bloco da Esquerda considera que é "un paso atrás en termos de fiabilidade de voto"
A deputada do Bloco da Esquerda (BE), Helena Pinto considerou a decisión de Cavaco Silva "un paso atrás en termos de fiabilidade de voto" e lembrou que o seu partido votou a favor de mudar esta lei "para reforzar a presencialidade" nas votacións.

"Sempre fomos sensíbeis ao argumento de que a reestruturación da rede consular pode afastar os emigrantes do exercicio do voto", admitiu a deputada, mais lembrando que na mudanza desta lei electoral introduciuse a necesidade de "alongar as mesas de voto".

O PSD de Cavaco Silva, encantado coa decisión do presidente
O líder parlamentar socialdemócrata, Paulo Rangel, manifestou a súa satisfacción após coñecer a decisión do presidente, afirmando que o cambio da lei sería unha "restrición inaceptábel" do dereito de participación. "Estamos moi satisfeitos por teren sido asegurados os dereitos dos emigrantes portugueses".

No CDS-PP están satisfeitos coa decisión "a prol da participación"
Pola súa parte, o dirixente demócrata-cristián, Filipe Lobo d'Ávila afirmou que o seu partido recibiu con "satisfacción" o veto de Cavaco Silva, considerando que esta decisión "favorece a participación". Nesta liña, Lobo d'Ávila lembrou que o CDS-PP "xa tiña alertado sobre os riscos da aplicación" do voto presencial para os emigrantes: "nunha altura na que se reformula a rede, pechando consulados, non se entende que se impoñan condicionantes á participación", afirmou.

As eleccións lexislativas portuguesas de 2009 aínda non teñen data marcada. Debe sinalar esta data o Presidente da República, mais agárdase que sexan entre setembro e outubro de 2009. O goberno que sairá elixido será o XVIII Governo Constitucional de Portugal.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: