Manuel Díaz López envíanos o seguinte texto para replicar outro publicado na sección de opinión de Vieiros.
Ofrecémoslle o texto íntegro que envía Manuel Díaz López para replicar un artigo de Xoán Carlos Garrido: O partido dos antipartido
"Podería iniciar este escrito co título “resposta a un tal Xoán Carlos Garrido”, pero non o farei, non é o meu estilo. Xa outra vez cando apoiei coa miña sinatura a Camilo Nogueira para Portavoz Nacional do BNG fronte ao actual Portavoz, aparecín nunha lista “negra” co calificativo de irrelevante. Agora Xoan Carlos Garrido chámame un tal Manuel Díaz. Acostumo a respectar e a non desprezar aos que non pensan como a min, por iso a pesar de que o seu artigo rezuma desprezo e incluso mal gusto dende a primeira a última liña eu tratarei de non caer niso. So un consello para ti e para outros que pensan como a ti, non minusvaloredes nunca ao inimigo, nin como neste caso a alguén que non pensa como ti.
Tampouco quero caer na pedantería de utilizar citas grandilocuentes de Gramsci ou doutros filósofos para facerme o interesante, o único que ao final reflicten e a falta de argumentos para rebater a información e as opinión que aparecían no xornal “La Voz de Galicia” sobre a selección de persoal no Consorcio de Benestar Social.
Quero dicirche para o teu coñecemento que milito nun partido, milito no BNG, nos anos setenta xa militaba na ANPG, como fillo de labrego tamén colaboraba por aquelas datas nas Comisións Labregas e dende que empecei a traballar nos anos oitenta estou afiliado a CIG, (antes INTG). Leccións de militancia polo tanto, ningunha.
Pero un partido político, un sindicato, non son un fin en si mesmo, son un instrumento para transformar a sociedade, para defender os intereses dos traballadores, para defender a igualdade de oportunidades de todos os cidadáns. Cando non cumpren esta función deixan de ser instrumentos útiles para o que foron creados e os seus militantes deben levantar a súa voz, a non ser que un confunda militancia con seguidismo, ou con borreguismo que tamén diso abunda e seguramente poda ser o teu caso. Eu non, eu son unha persoa que trato de ser libre, crítica co poder cando considero que se debe criticar, goberne quen goberne. Considero que os chanchullos e o enchufismo na selección de persoal, deben denunciarse tanto si goberna o PP, o PSOE ou o BNG.
Dáme a impresión de que ti es como Suarez Canal-el foi o que acuñou na Administración autonómica a expresión de “chiringuitos”- cando era portavoz (BNG) da oposición no Parlamento Galego. Poñía o grito no ceo, con razón, cando o goberno do PP creaba algún destes entes. Agora a SEAGA, ao INGACAL... chámalles “sociedade instrumentais”.
Pero o debate non é sobre si eu son ventrílocuo dun medio de comunicación, da manipulación dese medio de comunicación, da representatividade das ONG. Non, aquí trátase de pronunciarse sobre as denuncias que eu fixen sobre as oposicións ao Consorcio. Trátase de saber si tu estás a favor dos chiringuitos, si tu estás a favor das entrevistas para seleccionar ao persoal na Administración Pública, si tu estás a favor dun proceso de selección no que as prazas xa estén asignadas de antemán, tendo en conta o tipo de exames, o temario, as probas a realizar, a forma de corrección-nin descontan as negativas, a puntuación por tempo traballo-un ano de traballo vale igual que a metade da oposición, máis tres puntos por cursos relacionados con Consorcio que so teñen os que alí traballan.
Diso se trata, esas son cuestións sobre as que se pode debater e sobre as que hai que opinar. Sobre a manipulación informativa, sobre a liberdade de prensa, sobre a representatividade das ONG, sobre o control democrático, home diso supoño que ti sabes bastante como membro cualificado dun partido político que se declara nos seus estatutos como marxista leninista.
Sodes o vivo exemplo da democracia externa e interna-presentádesvos as eleccións coas vosas siglas, practicades o asemblearismo en lugar de centralismo democrático-, e si falamos de liberdade de prensa, como director de “Terra e Tempo” es o exemplo tamén da prensa libre e independente, do modelo a seguir en toda sociedade democrática. Na máis un saúdo."
Artigo asinado por Manuel Díaz López