Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Críticas ao Ministerio do Medio Mariño

Furado "encuberto" na lei de costas

Adega cualifica de "machetazo" á legalidade a modificación introducida polo goberno español para a compravenda de edificacións dentro do dominio público.

Redacción - 09:00 04/02/2009

"O departamento da señora Espinosa amosa novamente unha clara falta de transparencia na xestión ambiental, xa que esta medida foi tramitada en comisión e non será debatida no Pleno do Congreso". Láianse así desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), da modificación introducida na Lei de Costas que permitirá "vender e mercar casas construídas dentro do dominio público con anterioridade a 1988", cando entrou en vigor a devandita lei.

Para os ecoloxistas, trátase dunha medida que confirma "a perda de peso das políticas ambientais fronte ao produtivismo e os lobbies especulativos". Para os activistas, trátase dun agoiro ben predicíbel desde o momento en que se autorizou a fusión nun só ministerio das competencias pesqueiras, agrícolas e ambientais. Nesa liña, recordan desde Adega a etapa anterior, e avalían que cando menos a existencia daquela dun ministerio do Medio Ambiente, serviu para algunhas políticas "valentes" como foi o caso da liberación de dominio público e a recuperación de servidumes no litoral. Critícanlle ao novo ministerio que xa introducise anteriormente outro furado co permiso ás instalacións, piscifactorías entre outras, para seguiren ocupando por outros 28 anos máis o dominio público.

Truco legal
Segundo explican desde Adega, os inmobles construídos a pé de costa no dominio público antes de 1988 gozaban dunha concesión por 30 anos, ampliábel a 60, e con prohibición de venda. Coa modificación, ao expirar a concesión, o Estado reserva dereito de tanteo, pero a propiedade pasa a ser "transmisíbel". A consecuente revalorización multiplica o prezo das expropiacións, freando moitos expedientes ao considerárense "inviábeis economicamente". "Dificultarase a recuperación do dominio público convalidando legalmente algúns dos escandalosos desastres urbanísticos perpetrados na costa durante a década dos 80", denuncian.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: