A concelleira de Medio Ambiente de Vigo acaba de chegar dunha expedición na que cruzou soa o gran deserto branco do Polo Sur.
Chus Lago aquecendo o corpo contra o frío antártico
Chus Lago (Vigo, 1964) ten no contacto ca natureza a súa gran paixón e non se cansa de espallala polo mundo adiante. Con once anos comezou a practicar o alpinismo e dende entón non parou. En 1999 foi a terceira muller do mundo en subir ao Everest sen axuda de osixeno artificial, e este ano converteuse na primeira galega que alcanza o Polo Sur Xeográfico. Tras descansar uns días Chus Lago volveu á súa actividade cotiá no concello de Vigo. A súa fazaña deixoulle como herdanza inmediata unha apertada axenda no medio da que tivo un oco para atender a Vieiros e partillar connosco as vivencias que trouxo da súa expedición.
Vieiros: Comezaches moi nova a espallar polo mundo adiante a túa curiosidade. Que te leva a iniciarte na práctica de disciplinas pouco populares no país como o alpinismo ou o excursionismo?
Chus Lago: Sempre me encantaron os espazos verdes e gústame moito estar no monte. Non é tanto unha cuestión deportiva coma o feito de que o espazo onde se desenvolve este deporte é o medio no que mellor me sinto.
Cales son as motivacións que rexen a vida dunha aventureira?
Eu creo na idea de que te debes medir contigo mesma. Ti non loitas coa montaña, loitas contigo pero a montaña é o medio que elixiches para esa loita.
No 99 convertícheste na terceira muller da historia capaz de subir ao Everest sen axuda de osixeno. Como se adapta o copo a esas duras condicións?
Ata os sete mil metros o corpo vai aumentando a cantidade de glóbulos vermellos para capturar así máis osixeno e aguantas. a partir desa altitude chega un punto no que toleras a situación porque compites contigo mesma, pero non estás cómoda. Dormes mal e sentes fatiga durante todo o día. En definitiva ao corpo cústalle moito adaptarse a esas altitudes.
Que te levou a facer esta expedición polo gran deserto branco do Polo Sur?
A idea xurdiu no ano 2004, na última visita que fixen á Antártida. Subín a un monte e descubrín a inmensidade do deserto polar. Chamoume a atención e sentín unha inmensa curiosidade que tiven a sorte de saciar.
E como correron estes 58 días?
Levas o teu corpo e, especialmente, a túa mente ao límite todos os días. Na montaña é entretido porque mentres escalas vas vendo o que fas: onde pousas o pé ou como debes saltar un regato. Na Antártida non tes nada co que entreterte mentres camiñas. O que máis me apoucou foi a monotonía da paisaxe, sensación máis dura incluso que a soidade.
Viches durante a expedición o desxeo que o cambio climático está producindo nos polos?
Non o percibín porque eu estaba no interior e os cambios máis palpábeis dánse na costa. Son consciente da situación pero non o vin na Antártida. Cando estiven no Ártico, en troques, si que vin a auga máis quente do normal e faláronme da mudanza que estaba experimentando a fauna mariña. O que si percibín durante a última expedición foi un tempo máis revolto do normal para aquela zona.
Tes en mente algunha nova aventura coa que sorprendernos?
Neste momento non. Xa foi moi difícil prepararme para a expedición estando no meu cargo. É difícil compatibilizar un deporte de elite cun traballo que, de ser deporte, tamén sería de elite.