O líder do PPdeG pide "racionalidade" no gasto fronte á crise e advirte de que o sector público "non pode endebedarse en exceso".
Asegurou o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, durante a súa intervención en Madrid nun almorzo organizado por Europa Press, que o seu partido aprendeu dos "erros do pasado", e engadiu, "tanto dos propios como dos alleos". Ao fío, falou da loita fronte á crise como prioridade máxima da súa formación, e afirmou que a crise "non pode combaterse con propostas ocorrentes que só serven para dilapidara superávit público".
"Socialistas e nacionalistas non poden construír xuntos a Galiza do futuro, porque buscan Galizas totalmente diferentes", opinou Núñez Feijoo. Engadiu o presidente do PP galego que o sector público "non debe endebedarse en exceso" e chamou nese estremo a "investir con racionalidade os recursos". "O contrario é hipotecar xeneracións futuras por gastos dos que non se beneficiarán", advertiu.
Por outro lado, Feijoo, definiu o seu proxecto político e programa de "reformista e en boa medida rexeracionista". "E emprego esa palabra porque penso que é o programa que demanda unha nova xeración de galegos", sostivo. Nesa liña reivindicou para o seu partido o protagonismo na conformación durante anos da que cualificou como "a xeración mellor preparada da nosa historia, que non pode resignarse coma no pasado, á emigración".