Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza2009

PPdeG, PSdeG e BNG abrirán campaña na capital

Logo de iniciar camiño en Santiago, o PSdeG pechará campaña electoral tamén en Compostela, mentres que o BNG elixiu Vigo e o PP aínda non decidiu.

Redacción / Europa Press - 09:00 02/02/2009

As tres formacións políticas con representación no Parlamento decidiron que a saída das súas campañas para as eleccións do próximo 1 de marzo sexa en Santiago de Compostela. Malia esta coincidencia na capital para a tradicional pegada de carteis, posteriormente, o día previo á xornada de reflexión preelectoral non reunirá, de xeito previsíbel, os líderes popular, socialista e nacionalista no mesmo lugar.

Aínda que o PPdeG non ten tomada unha decisión definitiva con respecto á xornada de peche, reservará, como é tradicional, unha visita ás sete grandes cidades para o final de campaña. Pola súa banda, o PSdeG xa lle avanzou a Europa Press que repetirá en Compostela e o BNG elixiu Vigo, a maior cidade do país.

PPdeG
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, non estará arroupado por ningún dirixente do partido a nivel estatal durante a apertura da campaña, ao contrario do que acontecerá o resto da quincena electoral. Deste modo, segundo lle confirmaron a Europa Press fontes do partido, agardan a aterraxe en Galiza de Mariano Rajoy, Francisco Camps, Alberto Ruiz Gallardón e Esperanza Aguirre, entre outros.

En canto aos peches, os populares aínda non tomaron unha decisión definitiva e remiten á "evolución da campaña" xa que, segundo explicaron, a coincidencia da última semana da campaña electoral cos Carnavais "trastorna" o calendario. En calquera caso, o día 27 culminará un proceso de "patear" Galiza por parte do líder da oposición, segundo explican, logo de que durante os últimos meses, atendese ao compromiso de percorrer os 315 concellos do país para coñecer as "demandas e inquietudes" da cidadanía no marco de varias campañas de achegamento á sociedade.

PSdeG
Coa súa decisión de iniciar e finalizar a campaña na capital, o Partido Socialista repite os escenarios das anteriores eleccións, celebradas en xullo de 2005. Outra das coincidencias que os socialistas galegos prevén entre ambos os dous períodos preelectorais é que tamén haberá "moita presenza e moita acción de voluntarios na rúa".

Non obstante, fontes da organización aseguraron que estes serán os únicos puntos en común, posto que, avanzaron, esta campaña estará "chea de sorpresas dende o primeiro día". Deste modo, prevense xogos con todos os elementos da campaña, como a música ou a escenografía. Precisamente, a pasada fin de semana estreábase a versión do tema 'Quen puidera namorala' na voz do músico coruñés Xoel López, reinterpretando a composición que o cantautor Luis Emilio Batallán fixo en 1975 a partir do poema 'O neno novo do vento', de Álvaro Cunqueiro. Pola súa banda, o cabeza de cartel socialista seguirá compaxinando o seu cargo institucional como presidente da Xunta cos actos de campaña para a súa reelección, de modo que viaxa a diario por toda Galiza.

BNG
A decisión tradicional da formación frentista de abrir a súa campaña en Santiago ten no carácter de capitalidade un dos seus principais piares, aínda que tamén inflúe a comodidade informativa para darlle cobertura ao evento.

Para pechar, os nacionalistas optaron por Vigo, a cidade máis grande de Galiza e onde Anxo Quintana podería coincidir co seu rival do PPdeG na carreira pola Presidencia da Xunta. Esta cidade xa fora escollida para as eleccións xerais de 2008, aínda que finalmente naquela ocasión fora suspendido o acto previsto debido ao atentado da ETA.

En canto á súa axenda, o Bloque centrará a última semana da campaña en visitar as principais cidades buscando que os mitins sexan de carácter provincial tanto n'A Coruña, como en Lugo, Ourense e Pontevedra, de maneira que "non se solapen" con outras accións en lugares xeográficos próximos e co obxectivo de darlle un carácter máis "central". Ademais, o cabeza de cartel nacionalista tamén leva unha programación diaria intensa na actual época preelectoral posto que se atopa visitando as principais cidades e vilas para dar a coñecer as candidaturas do Bloque.


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: