O líder do PSdeG avanza que incluirán no programa a posibilidade dun Instituto Galego de Finanzas e de Promoción Económica "para consolidar a experiencia que xa se está a levar a cabo".
"A prioridade ten que estar en recuperar a actividade da economía, en recuperar o emprego, e non imos conseguir saír desta situación mentres os créditos non cheguen ás empresas", alertou o presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, durante a súa intervención este domingo nos micrófonos da Radio Galega. Con todo, rexeitou Pérez Touriño que o modelo axeitado para enfrontar esa situación sexa o da creación dun Instituto Galego de Crédito Oficial para facilitar a concesión de créditos a familias e pequenos empresarios. "Esa experiencia non deu bo resultado en ningunha das comunidades nas que se puxo en marcha e temos que aprender dos erros dos demais", avaliou ao respecto.
Pola contra, propuxo a creación do que definiu como Instituto Galego de Finanzas e de Promoción Económica, un instrumento que os socialistas proporán desenvolver na próxima lexislatura como "medida auténtica" para loitar contra a crise. Trátase dunha ferramenta que, segundo explicou, permitirá "consolidar a experiencia que xa se está a levar a cabo" no seo do Goberno neste ámbito. Ao fío, asegurou que o executivo triplicará os cartos fornecidos ás entidades financeiras para a reactivación dos créditos. Por outra parte, Touriño falou criticamente sobre a idea de reforma das caixas de aforros posta na mesa por outras formacións políticas, insistindo en que o Goberno "non debe intervir politicamente nas Caixas". Segundo subliñou, a idea "non é controlar" senón "coordinar e orientar" as súas actuacións.
Outro eixo analizado por Emilio Pérez Touriño tivo que ver co voto emigrante, apuntando que os socialistas non renuncian "baixo ningún concepto" á modificación da Lei orgánica do réxime electoral para que os emigrantes poidan votar en urna. Ao respecto, dixo lamentar "non chegar ao acordo necesario no ámbito do Estado" para levar a cabo esta reforma e reiterou que seguirá "traballando" para lograr o voto emigrante "con todas as garantías". Nese sentido, censurou que "os que gobernaron este país toda a vida", en referencia ao PP, "e nunca se preocuparon de nada disto, porque entón lles interesaba así o voto da emigración, agora están preocupadísimos".