Exixen que diga publicamente se apoia ao seu socio de goberno ou aos técnicos que se ergueron da mesa de avaliación.
Parque eólico na comarca do Barbanza
O Partido Popular quere que o presidente da Xunta aclare nunha comparecencia urxente "as irregularidades e sospeitas" que rodean ao concurso eólico. Así o manifestou o portavoz no Parlamento, Manuel Ruíz Rivas, quen asegurou que esta é a oportunidade de Pérez Touriño para "limpar a imaxe do bipartito", e explicar se está "do lado da nacionalista Consellaría de Industria (encargada da admisión a trámite dos proxectos) ou do lado dos técnicos que se ergueron da mesa de avaliación do concurso por entender que non había garantías xurídicas".
Ao tempo, Ruíz Rivas, tamén pide a Touriño que explique se cre "razoábel que o 43% das adxudicacións se sitúen en zonas de protección, como a Rede Natura". Ademais, asegura que "se o presidente da Xunta elude dar explicacións, será cómplice das irregularidades e das sospeitas de tráfico de influencias" que existen sobre a resolución do proceso de adxudicación.