Acusa a Núñez Feijoo de facilitar que unha infraestrutura "básica para o país" fose usada como "mercadoría especulativa".
"Debe haber unha intervención pública na autopista do Atlántico para asegurar que unha infraestrutura básica para o país non sexa utilizada como mercadoría bursátil, senón como unha infraestrutura básica de interese xeral". Así o expresou este mércores na Coruña o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, ao tempo que indicaba que os nacionalistas insistirán na proposta. "Estamos acostumados a que sexa descualificada e a que non se lle presenten alternativas", reprochou ao fío o tamén vicepresidente da Xunta. "Pero nós somos corredores de fondo e sabemos que as cousas empezan así pero acaban de outro xeito, asi nos sucedeu co complemento autonómico ás pensións non contributivas, que nos dicían que era imposíbel e agora existe", sinalou.
Quintana comentaba ao fío as recentes afirmacións do líder do PpdeG ao respecto da necesidade de que a AP9 fose traspasada "á Xunta". "Primeiro vende a autoestrada a prezo de saldo, permite que se dea un pelotazo, e agora quérenos cargar o morto aos galegos?", censurou Quintana. "Todos os negocios que propon o señor Feijoo son nefastos para Galiza", denunciou o voceiro nacional do Bloque, recordando que a Empresa Estatal de Autoestradas (ENA) foi vendida no seu momento cando o PP estaba no poder por 1.500 millóns de euros. "E os que a mercaron agora venden os mesmos activos por 7.900 millóns, alguén terá que dar explicacións", desafiou Quintana aos populares.