Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GZ2009

Feijoo mete subela para facer unhas listas á súa medida

O líder do PPdeG ata cos seus A Coruña, Pontevedra e Lugo e rebenta as últimas defensas de Baltar en Ourense.

R.Vilar - 19:10 21/01/2009

Catro anos despois de acceder ao liderado do partido, Alberto Núñez Feijoo completa a prometida renovación do PPdeG. A proba do cambio está nas listas ao Parlamento que el mesmo presentou este mércores en Compostela. Pouco queda daquela formación conservadora que foi hexemónica no país até 2005 e que sufría para manter o equilibrio entre boinas e birretes.

Homes e mulleres claves na época Fraga vén como lles pasa o sol por diante da porta: Pita, Orza, López Besteiro, López Veiga, Miras Portugal e Santiso Miramontes. Nin o propio Xesús Palmou se salva da queima, e iso que había quen lle garantía un posto de saída en Pontevedra.

Mais se algo destaca nas listas é o perfil técnico de moitos dos candidatos. De feito, non poucos deles tiveron responsabilidades nos gobernos de Fraga, aínda que case sempre nun segundo plano (directores xerais e delegados). Tamén hai unha vocación claramente “urbanita”, que busca apuntalar o voto no mundo das cidades, onde a dirección agarda os seus mellores resultados.

A Coruña, o novo forno ideolóxico

Feijoo confía o primeiro posto ao presidente provincial, Carlos Negreira. Todas as fontes consultadas por Vieiros, concordan en que Negreira é, máis que un compañeiro de partido, un íntimo amigo do líder do PPdeG. Feijoo aproveita de paso a conxuntura para apuntalar a Negreira, que leva traballando nos últimos meses arreo para gañar o favor dos alcaldes.

Consciente de que a economía vai ser un dos eixos centrais da campaña, o PPdeG confíalle o número dous a Pedro Arias, profesor da USC. O tres tamén lle correponde a unha santiaguesa: Paula Prado del Río. Feijoo aposta por esta avogada de 37 anos, especializada en temas de igualdade, e da absoluta confianza de Xerardo Conde Roa.

No número catro, ocupando a cota ferrolá, sitúase Diego Calvo. Logo de Natalia Barros (empresaria tamén de Ferrol), e no sexto posto aparece Pedro Puy, sobriño de Manuel Fraga. Profesor de Dereito, Puy tense convertido nos últimos anos na “cabeza pensante” do novo PPdeG.

A cota das vilas non aparece até o séptimo posto. Manuel Ruiz Rivas (de Ribeira) será o encargado de traballar electoralmente as comarcas de Barbanza e Noia. Na oitava posición aparece Beatriz Mato Otero, ex delegada provincial de Pesca e muller moi ligada no seu momento ao ex conselleiro López Veiga. Despois dela outro alto cargo da Xunta popular: Xosé Manuel Álvarez Campana Gallo, a quen Xosé Manuel Barreiro lle confiou no seu tempo a Dirección Xeral de Calidade Ambiental.

A que tamén fora discípula de López Veiga, a ex directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro Rosa María Quintana, ocupa o número dez. A loita polo escano once (os que conseguiu o PPdeG en 2005) correspóndelle ao concelleiro carballés Alberto Sueiro.

Pontevedra, xa non son bos tempos para a boina

Os novos ventos levaron por diante en Pontevedra o noutrora hexemónico sector da boina. A musculatura “urbanita” é abrumadora nos primeiros: Núñez Feijoo, Corina Porro (Vigo), Alfonso Rueda (Pontevedra) e Pilar Rojo (Pontevedra) son os catro ases da circunscrición. O quinto lugar é para o parlamentario vigués Ignacio López Chaves, que destacou nos últimos anos pola continua fiscalización da política cultural da Xunta.

A sexta praza vai para Vilagarcía: Marta Rodríguez Arias. No séptimo posto, en representación da comarca do Deza, aparece Román Rodríguez. O agora tenente de alcalde de Lalín chega ás listas da man do rexedor Xosé Crespo. A continuación entra na lista Xosé Fervenza Costa, que até 2005 ocupou a presidencia dos empresarios de Moaña. A novena praza é para Xosé López Campos. Feijoo aposta por este estradense de 33 anos, empregado de banca, para “xubilar” a Xesús Palmou.

O número dez (os deputados que o PPdeG conseguiu en 2005) correspóndelle a Marta Valcarce. A continuación, con moi poucas opcións, aparece un home moi ligado no seu tempo a Xosé Cuiña: Agustín Hernández Fernández Rojas (ex director xeral de Obras Públicas). Sorprende a desparición dos postos de saída de Alexandro Gómez Alonso (Forcarei), que fica relegado no número 13.

Lugo, adeus tamén a Barreiro

O ex conselleiro Xosé Manuel Barreiro non foi quen de ocupar o lugar de Cacharro Pardo. A perda da Deputación anemiou un PPdeG antes todopoderoso. E aínda que houbo quen pensou que Barreiro podería liderar a lista de Lugo, Feijoo tívoo claro e non lle tremeu a man para colocar no primeiro posto á alcaldesa de Sober (Raquel Arias). O seu nomeamento provocou hemorroides entre algúns prebostes do PP da capital luguesa.

O segundo posto é para Xaime Castiñeira, que estará seguido polo mariñao Xosé Manuel Balseiro. A continuación un conservador da Mariña: Agustín Baamonde (Vilalba) e unha chantadina que se fixo valer (mediática e parlamentariamente) dentro do PPdeG: Susana López Abella.

Sorprende o número seis: Daniel Varela. O PPdeG recupera o aínda europarlamentario de Lugo logo de case quince anos en Bruxelas. A séptima acta de deputada, caso de haber votos abondo, será para Isabel García Pacín, concelleira de Friol que no seu día relevou a Barreiro na rúa do Hórreo. Máis difícil o vai ter Xosé Antón García López, que ocupa o número oito (cifra de deputados que agora ten o PPdeG na circunscrición).

Ourense: o último “apache” prepara a rendición

A Feijoo só lle resta “desbaltarizar” Ourense e a este paso xa lle quedan poucas batallas para logralo. O presidente da Deputación, Xosé Luis Baltar, sufriu, e moito, cando viu como lle impoñían un cabeza de lista independente: Luís Carrera. Por se fose pouco, a segunda praza ocúpaa María do Carme Rodríguez, unha concelleira de Verín que tampouco responde ás súas ordes.

Un dos principais gladiadores de Baltar, o ex alcalde da Merca Rosendo Luís Fernández, ocupa o terceiro posto, a pesar de que o seu presidente provincial pelexou duramente para que encabezase a lista. O cuarto é para Enrique Novoa, un home que primeiro estivo moi ligado a Cabezas, despois a Baltar e que agora busca a sombra da dirección galega. A quinta praza é para outra significada rival de Baltar: Cristina Romero, ligada á Cámara de Comercio.

O propio fillo de Baltar, que en 2005 ocupou o segundo posto, cae en picado até o sexto lugar da lista. Por debaixo del, terán que suar para obter escano dous “baltaristas” de libro: Antonio Rodríguez Miranda (A Bola) e Miguel Santalices (Bande).


3,27/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Feijoo pon á fronte da lista coruñesa un home da súa absoluta confianza: Carlos Negreira
Feijoo pon á fronte da lista coruñesa un home da súa absoluta confianza: Carlos Negreira
A ex alcaldesa Corina Porro será a encargada de pelexar polos votos na comarca de Vigo
A ex alcaldesa Corina Porro será a encargada de pelexar polos votos na comarca de Vigo
A nova dirección "xubila" ao ex conselleiro Xesús Palmou
A nova dirección "xubila" ao ex conselleiro Xesús Palmou
Baltar ve como o se vai apagando un pouco máis o seu liderado en Ourense
Baltar ve como o se vai apagando un pouco máis o seu liderado en Ourense
Canda o propio Feijoo, Pilar Rojo é a única ex conselleira de Fraga que segue nas listas
Canda o propio Feijoo, Pilar Rojo é a única ex conselleira de Fraga que segue nas listas