A ex tenenta de alcalde de Ferrol confía nas posibilidades de acadar representación no Parlamento.
Iolanda Díaz ocupou a tenencia de alcaldía en Ferrol até o pasado 28 de outubro.
A actual voceira de Esquerda Unida no concello de Ferrol, Iolanda Díaz, foi escollida este sábado por maioría no Consello Político Nacional da formación como candidata ás eleccións á Xunta de Galiza. As previsións que baralla a organización son as de acadar representación polas provincias da Coruña ou de Lugo. Así o asegurou Díaz quen, malia admitir as dificultades de conseguir algún escano por mor da actual lei electoral, confiou nas posibilidades do seu partido de entrar no Parlamento.
A candidata de Esquerda Unida censurou ademais a xestión do goberno bipartito, ao que acusou de poñer en marcha leis "que esnaquizaron o país" ao tempo que citou a lei da Minaría, a paralización da reforma do Estatuto ou a falta dun recoñecemento oficial ás vítimas do franquismo.
De Ferrol á Xunta
Iolanda Díaz é a líder de Esquerda Unida no concello de Ferrol, onde ocupou a primeira tenencia de alcaldía até o pasado 28 de outubro. Naquela data, o Partido Socialista, co alcalde Vicente Irisarri á cabeza, expulsaron á súa formación da coalición de goberno. A candidata asegura que aquela expulsión reforzará a súa imaxe para a Xunta de Galiza, "xa que os cidadáns percibiron que o culpábel foi o PSOE, quen deixou á cidade nunha situación de ingobernabilidade".