Ante os últimos acontecementos, Vieiros buscou a opinión de todos os sectores, tamén no relacionado ao vindeiro Congreso da CIG.
Tras coñecer que unha das seccións de Movemento pola Base (MpB) -a encabezada por Miguel Anxo Abraira e Fermín Paz- ten a intención de presentar unha candidatura alternativa ao Congreso Confederal da CIG do vindeiro mes de xuño, crítica co rumbo que colleu o movemento sindical, Vieiros púxose en contacto co outro sector, o capitaneado por Antolín Alcántara e Manuel Mera, para coñecer a súa perspectiva.
Hai que ter en conta que a situación no movemento é confusa, xa que os dous sectores están enfrontados polas mesmas siglas. A comezos deste mes, catro dirixentes do MpB -Miguel Anxo Abraira, Fermín Paz, Zélia García e Roi Ribeira- comparecían ante os xornalistas para anunciaren unha asemblea ordinaria para o vindeiro 7 de febreiro, na que habían revisar o seu posicionamento político e anovar os seus órganos de dirección, xa que sinalaban que dentro do MpB había moitos militantes que non tiñan nada a ver co BNG, e vían necesario responder a esta realidade.
Naquela altura, o sector de Mera enviaba un comunicado acusando o outro sector -o de Abraira- de ter manobrado para apropiarse da organización, afirmando que a outra parte comezou a traballar nun "novo proxecto político" de costas á maioría da militancia. Os partidarios de Alcántara e Mera denunciaban tamén que os seus rivais recorreran a "expulsións nunca comunicadas, convocatoria selectiva de reunións da Mesa Nacional, rexistro das siglas a nome de fieis, ameazas e finalmente chegar a saír aos medios de comunicación para gañar a lexitimidade".
Para entender un bocado máis o que acontece, cómpre salientar que o MpB tivo a súa orixe no mundo sindical, de onde procedían a maioría dos seus cadros. Por iso colle importancia o debate interno que se está a dar na CIG de cara á vindeira cita congresual.
"Respectamos que cada quen propoña as súas candidaturas, pero sen dar un espectáculo mediático que enrarece o debate"
Vieiros púxose en contacto con este sector do MpB, que saía da forte crise vivida no seo do movemento. O seu voceiro, Breixo Losada, sinalou que están aínda "estrañados de que se fixese público este posicionamento" do outro sector. "Non sabiamos nada, mais tampouco nos interesa alimentar o circo nin entrar nun cruce público de acusacións", sinalou Losada.
En canto a se van concorrer como grupo no Congreso Confederal da CIG, Losada dixo que aínda non teñen nada programado, mais que, nun comezo, "tiñamos pensado conformar unha maioría no Consello de Dirección do sindicato, integrarnos nela, seguindo na liña que mantemos até o de agora, e que esta xente tamén mantiña, até este momento. A idea á chegar a acordos con outros sectores amplos e garantir a gobernabilidade do sindicato".
Porén, Breixo Losada revelou que non lles interesa "publicar os nosos proxectos; non hai necesidade de airealos nin de proclamar con quen nos imos aliar ou contra quen, porque iso non lle fai ben a ninguén. Respectamos que haxa distintas propostas, pero non vemos ben que se fagan acusacións públicas, sen fundamento, que non benefician a ninguén, a non ser aos inimigos da CIG, aos inimigos comúns de todos", concluíu.