A Comisión Europea valora a marca como un éxito e considera que se debe á identificación dos usuarios con Europa.
O dominio de primeiro nivel .eu, que designa webs da Unión Europea, xa superou os tres millóns de rexistros. Segundo anunciou a Comisión Europea, xa ocupa o cuarto lugar entre os dominios con máis rexistros do continente e o noveno do mundo. Dous anos e medio despois da súa aprobación, Bruxelas considera un éxito o dominio territorial, que promove unha "identidade inequivocamente europea".
O rexistro número tres millóns foille asignado a un cidadán alemán o 11 de xaneiro. A Comisión Europea indicou que tanto multinacionais como pemes, ONG, grupos de reflexión ou cidadáns particulares adoptaron o dominio para sinalar a súa presenza na web e "colleitar os beneficios do mercado único". Neste senso, a comisaria europea da Sociedade da Información, Viviane Reding, declarou que "reflicten a confianza que lle conceden os usuarios europeos", e que "indica claramente que goza do favor do público". Engadiu que cada vez máis xente "está a aproveitar esta oportunidade de expresar en liña o seu carácter europeo".
Lidera Alemaña
A Comisión cre que, ao chegar aos tres millóns de rexistros, o dominio territorial da UE consolida o seu posto entre os dez principais dominios de primeiro nivel do mundo, como .com, .net e .org. A meirande parte dos .eu rexistráronse nos estados máis poboados da UE e con máis penetración de internet. Así, lidera Alemaña, co 30% do total, seguida dos Países Baixos (14%), Reino Unido (12%), Francia (8%) e Polonia (6%).
Os dominios .eu comezaron a concederse o 7 de decembro de 2005 para os titulares de dereitos previos, mentres que en abril de 2006 quedou aberto a todos os residentes e organizacións con sede rexistrada na UE.