Catro traballadoras denuncian a cociñeira por non pagarlles as últimas mensualidades, así como por outros incumprimentos do convenio laboral.
A chef anunciou a semana pasada o peche do restaurante que rexentaba na esquina formada pola rúa da Coruña e a rúa Rosalía de Castro, na cidade de Compostela. Este luns a CIG fixo público o feito de que Toñi Vicente pechou o restaurante deixando atrás o incumprimento de varios pagos contraídos por lei coas súas traballadoras. Trátase dunha camareira, unha cociñeira e dúas administrativas, que constituían o cadro de persoal co que contaba nas últimas datas o restaurante. As mozas recibiron unha chamada o domingo día 4, un día antes de volver ao traballo, instándoas a pasar ao día seguinte pola xestoría que administraba o negocio, onde lles comunicaron a noticia.
As catro traballadoras reclaman o pago dos seus salarios para o mes de decembro e, nun dos casos, tamén o de novembro. Ademais denuncian non ter recibido a indemnización por despido á que todo traballador ten dereito, que sería o correspondente a 20 días traballados no caso de ser un despido ordinario e 45 se fora considerado improcedente. Os outros incumprimentos que as traballadoras reclaman á chef son o pago da cantidade correspondente ás vacacións e a cantidade de diñeiro constituída pola actualización dos salarios do ano 2008, actualización á que obriga a lei tendo en conta os parámetros económicos de cada exercicio.
Traizón
Vieiros puido falar cunha das traballadoras, que dixo sentirse "traizoada", porque sempre apoiaron á súa xefa como, por exemplo, nos malos momentos que viviu este ano durante o caso das "vieiras tóxicas". Explicounos que lles doe que non quixera falar con elas directamente para comunicarlles o cese do negocio. Ademais, recoñeceuse amolada polo feito de que non se lles pagara, xa que dixo estar "segura de que había diñeiro para facelo". Agora as catro empregadas do restaurante van tomar as medidas legais pertinentes, tres a través da CIG e unha mediante un avogado propio.
Desenlace inesperado
A noticia do peche non era agardada polas traballadoras, despois dun mes de decembro no que o restaurante rexistrara un bo volume de negocio. O caso das "vieiras tóxicas", desatado o pasado mes de setembro supuxo un duro golpe para a cociñeira, que desencadeou na perda da estrela michelín coa que contaba. Mais Toñi Vicente tiña mudado dende entón o seu enfoque do negocio, cara a unha cociña máis popular, que viña dando bos resultados nos últimos meses. A chef anunciou nun comunicado emitido a pasada semana que isto non é o fin de Toñi Vicente, polo que non sería raro vela logo dirixindo un restaurante.