Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANTE SEIS MIL PERSOAS

Zapatero arroupa a Touriño en Ourense

No mitin participaron outros líderes socialistas, como Xosé Blanco e Helena Espinosa.

Redacción - 18:52 11/01/2009

O secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, enxalzou hoxe a figura do titular da Xunta e candidato socialista ás próximas autonómicas do 1 de marzo, Emilio Pérez Touriño, a quen atribuíu as características do "bo gobernante", coma o "acougo" e a "capacidade de unir no canto de dividir".

Así, eloxiou a "nobre tarefa" dos socialistas na Xunta ao longo desta lexislatura e, en consecuencia, considerou que Touriño pode sentirse "orgulloso" da súa xestión á fronte do bipartito. Como proba diso, salientou que Galiza creceu nos últimos anos "máis que o resto das comunidades autónomas" e abriu unha "etapa de progreso e de futuro", fronte á "época dos caciques" do anterior Goberno popular.

Tamén definiu ao candidato socialista como "o mellor galego e o mellor español" en base ao seu comportamento nas negociacións sobre financiamento autonómico, nas que "propón e non descalifica" e "sabe actuar en defensa de Galiza, pero comprometido con España". Zapatero exemplificou esta afirmación lembrando que a "idea" de que o novo modelo financeiro teña en conta o gasto en normalización lingüística nas comunidades bilingües foi de Touriño. Ao fío disto, Zapatero expresou o seu "compromiso" coa lingua e a identidade galega, algo que fará "sempre".

Tamén reivindicou os investimentos do Goberno central en Galiza que, calculou, se "duplicaron" desde que el é presidente e, concretamente, aludiu aos fondos destinados ao AVE, que se "triplicaron". "Os galegos esta vez si están vendo as obras e saben que imos cumprir", sentenciou, polo que concluíu que o electorado desta comunidade "xulgará" este compromiso nas urnas o próximo 1 de marzo.

Pola súa banda, Touriño apelou ao voto dos "moitos" que, malia non apoiar aos socialistas nas eleccións autonómicas de 2005, "pensan que continuar o cambio é a opción máis razoable" para Galiza. "Sería unha frustración colectiva dar un paso atrás, a maioría do país quere continuar e o último que necesita Galiza neste momento é que volva o PP a gobernar. É o último e o único que non necesitamos", aseverou, e argumentou que "nunca o pasado modernizou o país" e os populares "representan o pasado", polo que esa é unha "vía cegada".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: