O consorcio gasístico Gazprom cumpriu coas súas ameazas de reducir a subministración "no mesmo volume ca o roubado". Bulgaria, Grecia, Turquía e Macedonia quedaron sen servizo.
O Ministerio de Economía búlgaro informou esta terza feira de que a subministración de gas ruso a través de Ucraína e con destino a Bulgaria, Grecia, Turquía e Macedonia está paralizada, o que provocou unha "situación de crise" enerxética en Budapest. Pola súa banda, o Goberno turco informou de que a subministración de gas procedente da liña occidental foi completamente cortado.
"Ao redor das 02:30 da mañá -hora centroeuropea- as subministracións a Bulgaria así como a Turquía, Grecia e Macedonia atópanse suspendidas. Estamos en situación de crise", indicou o comunicado do Ministerio de Economía. Pouco despois, o ministro de Enerxía turco, Hilmi Güler, anunciaba que a subministración procedente do gasoduto occidental fora cortada, forzando o país a depender dos seus propios recursos de gas líquido e fontes propias de gas natural.
A empresa de gas ucraína Naftogaz confirmou que o consorcio gasístico ruso, Gazprom, cumpriu coas súas ameazas e recortou a subministración que se distribúe por Europa, até deixala nun terzo do que remitiría en condicións normais. Naftogaz advertiu de que as consecuencias se notarían en "poucas horas".
O presidente executivo de Gazprom, Alexei Miller, xa advertira onte de que reduciría inicialmente as subministracións "no mesmo volume de gas que lle foi roubado a Rusia, é dicir, 65,3 millóns de metros cúbicos", informou a axencia RIA Novosti.
Unha delegación da Unión Europea fará consultas con representantes do Goberno de Ucraína para analizar a situación en torno ao tránsito polo territorio dese país do gas ruso con destino a Europa, informou o servizo de prensa da presidencia ucraína. Segundo fontes ucraínas, as dúas delegacións analizarán a situación ao redor das subministracións de gas ruso que pasan pola rede de gasodutos de tránsito ucraíno para clientes europeos afectados polo contencioso comercial de gas entre Ucraína e Rusia.