Desde o Goberno subliñan os "compromisos cumpridos". Feijoo insiste en "anulalo todo e empezar de novo". Os sindicatos apoian o proceso.
"A partir de agora os cambios en materia enerxética vanse cinguir á redución de aeroxeradores", asegurou o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, indicando ser partidario de "defender os criterios de maior produtividade e non os de máis aeroxeradores", que lle achacou "á propia xestión do PP". Afirmou Blanco que "con 3.000 megavatios vanse producir 6.500" e teimou en que servirá de apoio ao "mix enerxético" de renovábeis, como "a próxima aprobación dentro de dous meses das plantas de biomasas" que "repartirán 80 megas en 10 plantas".
Blanco tamén comentou que só catro dos parques eólicos (Pena de Ferro, Malvar, Monte de San Xoan de Aucosa Eólica e Castrelada de Hidrofreixa Eólica) dos 29 anteproxectos aprobados pola comisión de avaliación no concurso eólico, "quedan fóra do vixente plan sectorial". Considerou o conselleiro que representan arredor do 5% do total, e explicou que dependerán da aprobación do novo decreto. Segundo o responsábel de Industria, "cumpriuse co compromiso respecto á Rede Natura existente e non a unha hipotética" e, ao respecto, detallou que o novo plan sectorial reducirá mais de 327 mil hectáreas do plan anterior e o 71% do impacto ambiental. Por outra parte, xustificou que se rexeitase o proxecto de Inveraban, que levaba asociado na súa proposta o traslado de Ence da Ría de Pontevedra, porque a empresa "non cumpriu co baremo imposto no concurso" mentres que "outras empresas dispuxeron un plan técnico e económico mellor".
O PP di que Industria condenou a Xunta "a un preito histórico"
Feijoo insiste en "anulalo todo e empezar de novo" e fala de "adxudicación opaca e especulativa". "Non hai máis remedio que deixar sen efecto este concurso, anulalo e empezar de novo", teimou o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, quen xa durante a fin de semana anunciara a súa intención de botar abaixo o concurso eólico no caso de que as urnas lle concedan o poder o próximo mes de marzo.
"Hai unha serie de intereses económicos e de intereses políticos detrás desta adxudicación ilegal e especulativa", avaliou Núñez Feijoo, interpretando que socialistas e nacionalistas "cobren e calan" mutuamente "as súas adxudicacións escuras". Ao fío, aproveitou Feijoo para lembrar as acusacións realizadas desde a beira socialista do Goberno ao respecto da suposta ocultación de parte da documentación do proceso de adxudicación eólica.
Tahoces fala de "irregularidades" e mala priorización
Máis polo miúdo debullou Bernardo Tahoces a crítica do PP ao concurso eólico. Expuxo Tahoces que os 29 anteproxectos seleccionados implican 70 novos parques eólicos, con arredor de 1.000 novos aeroxeradores. Sórprendelle a Tahoces que deses 29 anteproxectos, "só 8 sexan de repotenciación, sumando un total de 151,52 Mw, é dicir o 6,61% do total da potencia repartida". Así, recorda o voceiro do PP en materia de Industria que o documento de referencia para a avaliación ambiental estratéxica do plan sectorial eólico de Galiza, sinala textualmente que, no referido ao uso do solo, "primarase o repotenciamento dos parques xa existentes fronte a instalación de novos parques".
De paso, Tahoces apunta que un total de 360,25 Mw dos seleccionados a pasada semana están fóra da Planificación Eólica vixente, "o que equivale ao máis do 15,74% do total da potencia repartida". Deste xeito, segundo explica o voceiro do PP, no caso de que estes parques eólicos non encaixen no futuro Plan Sectorial Eólico, Galiza "perdería esa potencia, cun recorte do beneficio anual bruto de 73,6 millóns de euros".
"Autocrítica", recoméndalle Aymerich ao PpdeG
"Como mínimo, por vergoña deberían absterse deses comentarios", retrúcalle aos populares o voceiro parlamentario do BNG. Preguntado sobre a intención de Feijoo de anular o concurso eólico no caso de que goberne tras os comicios do 1 de marzo, Carlos Aymerich, voceiro parlamentario do BNG, cualificou de "política ficción" tal estremo, e subliñou que "como mínimo, por vergoña, Feijoo debería absterse deses comentarios".
Lembrou Aymerich ue a xustiza "está a investigar concesións eólicas realizadas na época en que gobernaba o PP" e defendeu que o actual é "por vez primeira un concurso regulamentado". Contrapuxo o deputado nacionalista o proceso liderado polo Bloque ás concesións "dixitais" da época do PP, do que dixo conceder megavatios até a "un perruqueiro e unha masaxista" sen "ningunha vinculación" coa realización dun proxecto eólico e só para "especular". "Non só beneficiaron amigos do PP, senón que houbo outros nomes", dixo Aymerich en referencia ao ex alcalde socialista da Coruña e actual embaixador do Estado Español no Vaticano, Francisco Vázquez.
Os sindicatos aceptan o freo á proposta de Ence
UXT e CCOO valoraron a resolución do concurso eólico ao respecto do grupo de empresarios asociados en Inveraban, o proxecto que levaba asociado o traslado da pasteira Ence da ría de Pontevedra. Comentan desde as formacións sindicais estaren "sorprendidos" pola resolución, interpretando que a iniciativa aparecía como "proxecto estrela do concurso eólico", e avalían que "tanto dende o punto de vista dos traballadores, coma da propia empresa pasteira e os seus auxiliares este é un bo resultado". Xosé Luis García Pedrosa e Ramón Vidal secretarios comarcais de CCOO e UXT, respectivamente, explicaron que o motivo desta satisfacción é a localización da pasteira, xa que as dúas centrais sindicais avogan por un traslado dentro da propia bisbarra de Pontevedra, que é algo que no proxecto presentado ao concurso eólico non garantía. Con todo, García opinou que "o concurso eólico resolveuse non pensando en Galiza, senón no BNG".