Inclúe a xestión de museos, bibliotecas, arquivos, bolsas de estudo, o saldo da débeda de superficie, instalacións patrimoniais e inspección de traballo.
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e a ministra española de Administracións Públicas, Elena Salgado, presidiron este martes a Comisión Mixta de Transferencias que ratificou o traspaso de varias competencias a Galiza. Esta chega como contrapartida polo apoio do BNG aos Presupostos Xerais do Estado (PXE), á que hai que sumar a constitución da subcomisión de infraestruturas este luns.
Quintana destacou a importancia do paquete competencial transferido, que inclúe a xestión de museos, bibliotecas, arquivos, bolsas de estudo, saldo da débeda de superficie, instalacións patrimoniais e inspección de traballo. Valorouno "tanto polo volume dos traspasos como polo seu carácter pioneiro", xa que a Xunta controlará os museos da rede estatal, algo que non ocorre nin en Cataluña nin Euskadi, sinalou.
Neste senso, o vicepresidente considerou que "é unha boa mostra da descentralización e da interpretación compartida e construtiva que facemos da Constitución, unha boa contribución dende Galiza e dende o Estado á interpretación que demostra que este é un estado plural".
Individualmente, Quintana destacou que o Castelo de Monterrei pase a ser propiedade de Galiza, e puxo como exemplo o traspaso do de Montjuïc, en Cataluña, que aínda segue sen se resolver. Tamén fixo referencia á competencia en inspección de traballo, unha cuestión que considerou complexa, e que até o de agora só tiña transferida o goberno catalán.