Os feitos aconteceron en 2004 durante unha mobilización dos traballadores de Izar, que se manifestaban contra a privatización da compañía.
O 26 de setembro de 2004 unha manifestación de traballadores e traballadoras de Izar Fene e Izar Ferrol percorreu as rúas da cidade de Ferrol en defensa do emprego no sector naval e contra a privatización da compañía. Cando pasaron perante a Casa do Concello, os manifestantes atopáronse co empresario Juan Fernández, naquela altura edil do grupo municipal, polo partido Independentes por Ferrol (IP). As persoas mobilizadas recibiron con apupos a Fernández, e mesmo lle lanzaron ovos.
Ao comezo eran sete os traballadores imputados pola contestación á presenza de Juan Fernández, mais finalmente só dous empregados de Izar, naquela altura, e militantes independentistas, A. M. P. e J. M. M. serán procesados penalmente. A vindeira segunda feira 22 de decembro comezará en Ferrol o proceso xudicial contra estas dúas persoas. A organización Nós-UP chama a participar na concentración convocada para as 9:30 horas fronte aos xulgados ferroláns.
10 anos de cárcere entre os dous
A acusación particular solicita cinco anos e seis meses de cárcere para A. M. P., por "escacharlle un ovo na cabeza e darlle unha puñada na face"; mentres que a Fiscalía demanda dous anos de prisión por un delito de "atentado contra cargo público". Por outro lado, a acusación particular pide catro anos e seis meses de cárcere para J. M. M. pola súa presunta participación nos feitos, mentres que a Fiscalía se inhibe nesta acusación.
Dende o colectivo Ceivar sinalan que as "peticións de condena exceden sobradamente o límite legal estabelecido no Estado Español para evitar o ingreso en prisión, e poderían supoñer, no caso de se confirmaren, o encarceramento de ámbolos dous independentistas". Alén diso, apuntan que a "selección final dos procesados" dálle a razón á tese "do emprego de ficheiros" de militantes independentistas por parte da policía, ao tempo que conclúen que este proceso é "a tentativa de dar un escarmento público aos traballadores de Izar".
Decretan o embargo da vivenda doutro independentista
O xuíz Fernando Grande-Marlaska, maxistrado do Audiencia Nacional, ditou orde de embargo contra a vivenda familiar hipotecada do militante independentista galego Santiago Mendes, acusado de participar na queima dunha imaxe do rei español o 6 de decembro de 2007, ao terminar unha manifestación convocada por Causa Galiza en Vigo.
A casa de Mendes queda embargada ao non poder abonar este os 5.000 euros en concepto de fianza que se lle demandaban. Este ditame materializouse após unha investigación que desenvolveu a Audiencia Nacional na procura de ben de propiedade do militante independentista sobre os que actuar. A data do xuízo aínda non está fixada, e a orde de embargo impídelle a Mendes realizar transaccións comerciais coa súa propiedade, porén, non supón o desaloxamento da mesma.