Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Após o anuncio da data das eleccións

Feijoo celebra a fin do "culebrón electoral"

Desvelada a data dos comicios, os tres partidos políticos con representación no Parlamento fixeron as súas valoracións sobre a futura campaña electoral.

Redacción - 13:50 18/12/2008

En declaracións aos medios nos corredores do Parlamento, despois de que o presidente da Xunta anunciase a data das vindeiras eleccións galegas -o 1 de marzo de 2009-, o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo ofreceu "un cambio a mellor" aos electores "decepcionados" co bipartito despois de considerar positivo que se soubese o día exacto dos comicios, xa que con este anuncio "ponse fin ao 'culebrón' electoral comezado este verán", cando se falou da posibilidade de adiantar as eleccións ao outono.

Neste sentido, Feijoo quixo sinalar que o "cambio prometido polos socialistas e nacionalistas" para esta lexislatura que xa remata "foi a peor", ao tempo que diagnosticaba que na actualidade Galiza vive un momento de "decadencia económica e desconcerto político". Un "proxecto esgotado", sinalou o líder dos populares galegos, que "ten un final, coma todo", e neste sentido, vaticinou que o vindeiro 1 de marzo será o último día do Bipartito e que os electores han escoller a "nova oportunidade" que supón para Galiza "unha nova etapa e un novo momento", en referencia ao seu propio proxecto, o do PPdeG. Feijoo concluíu a súa intervención ante a prensa lamentando "fondamente" que "case o 15% dos emigrantes non van poder votar en urna nestas eleccións", e volveu reclamar que "polo menos" os emigrantes se identifiquen para poder acudir aos comicios co seu DNI ou pasaporte en man, algo que "debería aprobar" o goberno español.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: