"As relacións non serán como antes", advertiu Mikel Iceta, voceiro dos socialistas cataláns, nunha medida de presión aprobada por unanimidade.
O PSC confirmou que apoiará este xoves no Congreso dos Deputados os Orzamentos Xerais do Estado. Farao por "responsabilidade", e para "non prexudicar os intereses" dos cataláns e dos españois. Porén, o voceiro dos socialistas cataláns ameazou ao PSOE con cambios nas súas "relacións" se antes de final de ano non hai un acordo de financiamento aceptábel para Cataluña. "Se se dese o caso, que non desexamos en absoluto, de que non se chegase a un acordo, se se evidenciase que o Goberno de España non tivese vontade de cumprir o Estatut, as relacións entre o PSC e o PSOE non volverían ser como antes", dixo Iceta.
Iceta non quixo confirmar de que xeito se concretaría esta mudanza, pero lembrou que redefinir relacións co PSOE inclúe aspectos "orgánicos e organizativos", de presenza nos órganos federais dos socialistas españois. Esta advertencia foi aprobada por todos os membros da comisión executiva do PSC, formada entre outras persoas polo presidente Montilla, o conseller de Economía Antoni Castells e o ministro de Traballo Celestino Corbacho. Carme Chacón non asistiu á xuntanza. Nos medios cataláns coméntase que as relacións entre os dous partidos non foran tan tensas dende o referendo da OTAN ou a aprobación da LOHAPA, nos anos oitenta.
Hai uns meses Zapatero e Montilla déranse de prazo até o 31 de decembro para chegar a un acordo sobre financiamento acorde co recollido no novo Estatuto de Autonomía.
Críticas de CiU, ERC, PP e ICV ao 'si' socialista aos orzamentos
A decisión do PSC, prevista dende hai uns días, de votar favorabelmente aos orzamentos sen condicións, recibiu este luns as críticas do resto dos partidos cataláns. O secretario xeral de UDC, Josep Maria Pelegrí, manifestou que o PSC asinará a súa "acta de defunción" como partido independente do PSOE se vota a favor dos orzamentos xerais do Estado, e pediulle a ERC que utilice a súa influencia para evitalo. Pola súa banda, O secretario xeral de ERC, Joan Ridao, considerou "decepcionante" o anuncio, se ben amosouse convencido de que ERC "atopará outras formes de presionar ao PSOE".
Mentres, ICV fixo un chamamento a PSC, ERC e CiU, e á sociedade catalá en xeral, a abrir "unha reflexión conxunta" sobre como "presionar" a Zapatero para que complete o estatuto. Finalmente, o Partido Popular declarou que o "PSC quitou a careta", poñendo a súa "sumisión" a Zapatero por diante dos intereses dos cataláns.