Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pecharon 42 centros educativos pola neve

Case seis mil alumnos quedan sen poder ir á escola a causa do temporal

A neve deixou incomunicadas varias vilas de montaña en Lugo e Ourense. As cadeas son obrigatorias en seis estradas lucenses e outras oito ourensás.

Redacción - 17:50 15/12/2008
Neve nos Ancares/ Flickr: efimera

Neve nos Ancares/ Flickr: efimera

Un total de 5.465 estudantes ficaron sen poder ir a clase esta segunda feira por causa do temporal de neve que afecta Galiza, e que obrigou a pechar 42 centros educativos a primeiras horas da xornada.

Segundo informou a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, por provincias, 17 dos centros pechados pertencen a Lugo; outros 17 a Ourense e os oito que quedan á de Pontevedra. Ademais, houbo incidencias polo temporal noutros centros galegos ao pecharse algunhas rutas de transporte escolar afectadas pola neve.

A rede viaria tamén se viu afectada
O temporal de neve tamén deixou incomunicadas varias vilas situadas en zonas de montaña das provincias de Ourense e Lugo, as máis afectadas polas condicións meteorolóxicas adversas.

Segundo información facilitada polo 112, quedaron incomunicadas varias vilas pertencentes ás comarcas de Valdeorras, Trives, Viana e Verín en Ourense, e o municipio d'O Incio, na comarca de Sarria (Lugo). Ademais, segundo a compañía eléctrica Unión Fenosa, volvéronse rexistrar cortes de luz nos Ancares, Folgoso do Courel (Comarca de Quiroga), Baleira (A Fonsagrada), Láncara, O Incio e O Páramo (as tres vilas na Comarca de Sarria). Polo seu lado, a compañía Telefónica informou que non houbo problemas nas liñas de telefonía, aínda que se rexistraron varias reclamacións de particulares.

Ademais, hai varias estradas afectadas pola caída de árbores ou desprendementos de terra. Entre elas, a estrada de Buño, n'A Bugalleira (Concello de Ponteceso, na Comarca de Bergantiños) e en Castro, en Betanzos. Tamén se localizaron árbores caídas en Láncara (LU-621); O Incio (LU-642); Samos (Lu-633); Becerreá; e O Saviñao (LU-611). Segundo indicou o 112, permanece pechada a estrada OU-1051 de Trez a Toro, no municipio Verín, mentres que as estradas ourensás, pontevedresas e lucenses continúan afectadas pola presenza de neve ou xeo.

Cadeas obrigatorias para circular
En media ducia de vilas de Lugo son obrigatorias as cadeas para circular arestora, así como noutras oito de Ourense. En Lugo é obrigado levar cadeas para circular pola N-VI, do km 460 ao 469, en Campo de Árbore, Becerreá; a LU-530 (km 24-30-58), en Baqueriza, Fontaneira e Cerredo, A Fonsagrada; LU-633 (km 1-23), en O Poio, Pedrafita; LU-701 (km 12-18), en O Acebo, A Fonsagrada; LU-651 (km 8-30), Alto de O Boi, en Quiroga; e LU-530 (km 24-30), A Baqueriza, en Baleira.

Na provincia de Ourense son precisas cadeas na OU-411 (km 7-14), Ourense-Bande; OU-113, Verín a Laza; OU-121, O Barco de Valdeorras a Prada; OU-122, Sobradelo, límite con León; OU-703, Pobra de Trives a Chandrexa; OU-704, acceso a Manzaneda; OU-1002, Campo de Becerro a Veiga de Nostre; e OU-1109, Baltar-Portugal.

Para máis información:




0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: