F. A. - 11:00 12/12/2008
Irlanda comprometeuse esta quinta feira a someter máis unha vez a referendo o Tratado de Lisboa antes da fin do actual mandato da Comisión Europea, en novembro do 2009. En troques, o Executivo irlandés recibiu garantías de que cada país conservará un comisario nos futuros executivos comunitarios, en contra do estipulado polo actual tratado e mais polo de Lisboa.
Ao respecto, o primeiro ministro de Irlanda, Brian Cowen, subliñou que o mantemento dun comisario por Estado é un elemento indispensábel que lles dá "seguridade e confianza" aos pequenos países. Unha cuestión que apoian tamén os Estados belga e holandés, e que rexeitan outros como o español.
Os 27 fixáronse como obxectivo que o novo texto, ratificado xa por 25 países agás Irlanda e República Checa, entre en vigor antes de rematar 2009. A reforma da Unión Europea estase a abordar estes días en Bruxelas polos xefes de Estado e de Goberno nunha cimeira.
Con este pacto queren abrir unha vía para poder resolver a crise política creada polo
rexeitamento do pobo irlandés ao tratado nunha primeira consulta popular organizada en xuño. Porén, fontes diplomáticas recoñecen que o resultado podería volver ser de novo negativo debido á baixa popularidade do actual goberno.