Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polo naufraxio do Rosamar

O PSdeG acusa a Balseiro de "intrumentalizar sen escrúpulos" as mortes do mar

"O PP segue desnortado no proxecto de país para Galiza e insiste no carroñeirismo político que utiliza cos accidentes do mar", critica Xosé Manuel Lage.

Redacción - 18:40 09/12/2008
Xosé Manuel Lage, deputado do PSdeG

Xosé Manuel Lage, deputado do PSdeG

"O PP non ten nin idea de como funciona os servizos de salvamento marítimo", retrucou este martes Xosé Manuel Lage Tuñas, voceiro en materia de Pesca do grupo parlamentario do PsdeG, ás declaracións realizadas o día anterior polo voceiro do PP, Xosé Manuel Balseiro. "O PP segue lamentablemente instrumentalizando as mortes do mar sen ningún tipo de escrúpulo", denuncia Lage Tuñas.

O deputado socialista afirma que a Xunta deu "pasos moi importantes" na dotación de medios e persoal de salvamento en Galiza e incrementou os orzamentos do Servizo de Gardacostas. Salientou por exemplo o programa "Aboia", dirixido a mellorar as condicións de seguridade laboral no mar. Cousas para mellorar a situación que, en opinión do voceiro socialista, ignorou o PP "nos 16 anos que gobernou".

"Cumpríronse os tempos de resposta"
Así o asegurou este martes a onselleira de Pesca, Carme Gallego, quen negou a existencia de calquera demora na prestación de auxilio aos mariñeiros do pesqueiro Rosamar'. Gallego insistiu en que se cumpriron "os tempos de resposta" estabelecidos para este tipo de rescate.

Con todo, lembrou que as competencias na materia son do Ministerio de Fomento, malia que destacou que o compromiso orzamentario que a Xunta tamén asume neste eido. Así, desde a consellaría salientan por exemplo o proceso de contratación aberto, por valor de 14 millóns de euros, para un novo helicóptero para a Costa da Morte, con base en Cee, que estaría operativo nun prazo de tres anos

O BNG pídelle explicacións ao goberno español
Sobre o presunto déficit no rescate, o voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, pediu que o executivo estatal responda dos erros no operativo. Así, o Bloque solicitará a csomparecencia do director xeral da Mariña Mercante e presidente da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima, Felipe Martínez, para que explique os "fallos que se produciron no dispositivo de rescate".

Para Jorquera, os fallos o rescate "son evidentes". "Non se produciu até pasadas dúas horas", sinalou, asegurando que "son moitos os que sosteñen que se podería aforrar unha hora se o dispositivo funcionase correctamente". Referíase Jorquera á actuación do helicóptero Pesca 2, o que rescatou os superviventes, en lugar do Helimer Galicia, "que estaba fóra de servizo". Por outra banda, revelou que "ao non ter gardas presenciais" o desprazamento da tripulación dende o hotel ata o aeroporto "engadiu tempo de demora". Tamén se laiou o deputado nacionalista de que a autorización pendente por parte de AENA do heliporto do Complexo Hospitalario Universitario d'A Coruña "obrigou a trasladar os feridos en ambulancia" dende o Aeroporto de Alvedro.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: