Chegaron ás súas vilas de orixe,: Vila do Conde, Matosinhos e Figueira da Foz. As tarefas de rescate dos cinco desaparecidos continúan ao norte de Burela.
Os corpos dos tres mariñeiros portugueses do 'Rosamar', atopados após o naufraxio do buque, esta sexta feira, ao norte de Burela, foron trasladados na madrugada do domingo ás súas vilas natais, Vila do Conde, Matosinhos e Figueira da Foz. Os funerais desenvolveranse esta segunda feira 8 de decembro á tarde.
Mentres, en Galiza, o último dos cinco superviventes do afundimento do 'Rosamar' en abandonar o hospital, Luis Oliveira, declarará tamén na segunda ante a Policía Xudicial e, posteriormente, ante o Xulgado de Primeira Instancia de Viveiro (A Mariña), para ofrecer a súa versión dos feitos que precederon ao afundimento do arrastreiro.
Os outros catro sobreviventes xa declararon e atópanse, arestora, nos seus fogares, en Portugal. A súa versión dos feitos coincidiu: os cinco tripulantes sinalaron que o 'Rosamar' afundiu polo rápido agravamento das condicións do estado do mar, e por causa dunha rede presa no fondo.
Segue a busca entre Galiza e Asturias
Na mañá do domingo, o operativo de rescate retomou, por terceiro día consecutivo, os labores de busca dos cinco mariñeiros desaparecidos ao leste do lugar no que afundiu o arrastreiro galego, ante a posibilidade de que os corpos puidesen ser trasladados polas correntes ou polo vento. Despois de que o sábado se atopasen restos do buque e dos seus aparellos, así como un chaleco salvavidas, que foron recollidos e levados a terra "por seguridade e por limpeza", Salvamento Marítimo ha seguir buscando na mesma zona, na fronteira de Galiza con Asturias.
Nos labores de rescate participan o remolcador 'María de Maeztu', o buque polivalente da Xunta 'Irmáns García Nodal' e o avión 'Rosalía de Castro', que seguirán rastrexando a zona até a noite.
Fontes do operativo admitiron que "canto máis tempo pase, máis difícil" se fai atopar os cinco mariñeiros desaparecidos -catro portugueses e un indonesio-, tripulantes deste pesqueiro de bandeira portuguesa, que naufragou a 24 millas ao norte de Burela (A Mariña). Os temores de que os corpos puidesen ter afundido co barco, que está a máis de mil metros de profundidade, medran, xa que, de ser así, non poderían ser rescatados.
O buque, un arrastreiro de litoral de 26 anos de antigüidade, tiña a súa base en Celeiro, de onde é o seu armador, Xosé Antón Labayen, e en cuxo porto descargaba a diario as súas capturas de pescada e chicharro, para a súa posterior comercialización no mercado portugués.
Máis información nos xornais portugueses: