Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aprobado no Parlamento

Un canon hidroeléctrico de "xustiza histórica" pero pouco ambicioso

Achegará 12 millóns ás arcas públicas. O PP pide a derrogación e di que subirán os recibos da luz. O BNG lamenta que non se aplique ás minicentrais.

Redacción - 14:30 02/12/2008

Recuperar custos e reparar danos son dous dos argumentos expostos este martes no Parlamento polo conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, para defender a lei que introduce o canon hidroeléctrico. Gravará a actividade de 45 encoros, e o Goberno estuda ingresar arredor de 12 millóns de euros a conta da nova norma. Fernández Antonio explicou que a iniciativa servirá para compensar o impacto destes saltos hidroeléctricos e asegurou que os ingresos derivados vanse destinar a conservación e mellora do patrimonio fluvial afectado.

O PP asegura que lle afectará aos recibos nos fogares

A norma saíu adiante coa oposición do PPdeG, desde onde consideran que as empresas eléctricas responderán provocando un sobrecusto da electricidade en Galiza. O PP, que xa combatera anteriormente a intención do Goberno de introducir esta taxa, propuxo este martes no Parlamento que a norma inclúa unha cláusula que estabeleza a súa derrogación. Unha anulación do canon que segundo o voceiro de Industria do grupo parlamentario do PPdeG, Anxo Bernardo Tahoces, funcionaría de xeito automático "no momento no que a aplicación deste tributo acabe sendo repercutido aos consumidores a través dun recargo na factura da luz".

Así e todo, o PPdeG apostou por presentar outras emendas ao texto, de xeito que por exemplo solicitaron a socialistas e nacionalistas que se "territorialice o imposto", de xeito que as transferencias se realicen de xeito directo aos concellos. "Poderían destinar os cartos a melloras na calidade das augas e a infraestruturas ambientais", expuxo Anxo Bernardo Tahoces durante a súa intervención.

"A Xunta non está a promulgar un imposto ambiental, xa que non promove o uso racional dos recursos nin penaliza as afeccións negativas sobre o medio natural", xustificou Tahoces. "É un simple instrumento recadatorio para enxugar o déficit das arcas públicas", afirmou. Ao fío, e segundo as cifras do deputado popular a aplicación en Galiza dos criterios elixidos no seu momento polos gobernos de Cataluña e Estremadura, implicaría desembolsos significativamente menores para as empresas eléctricas.

O BNG entende que se podería mellorar no futuro
A actualidade do cambio de mans das autoestradas galegas foi aproveitada polo voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, para contrapoñer a perda dunha infraestrutura "que os galegos pagamos xa máis de dúas veces", coa introdución deste canon que, na súa opinión é "un acto de xustiza histórica".

"Con este proxecto avánzase no camiño certo", afirmou Carlos Aymerich, valorando que á fin se lle esixa ás empresas que historicamente se beneficiaron da explotación dos recursos de Galiza "que deixen parte dos seus beneficios no país". Con todo, Aymerich advertiu de que a lei puido ser "máis ambiciosa" é gravar por exemplo as pequenas minicentrais, ademais de os grandes encoros. Por outro lado, o voceiro do Bloque dixo esperar que a introdución gradual da norma desde o próximo 1 de xaneiro permita eventuais modificacións, introducindo "novas figuras e instrumentos que favorezan unha xestión integral de todo o proceso da auga".


4,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: