Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Para impulsar o multilingüismo no Estado e na UE

Baleares súmase ao Galeuscat lingüístico

O goberno do arquipélago mediterráneo subscribe o acordo de colaboración asinado xa hai case dous anos polos gobernos galego, vasco e catalán.

Redacción - 19:55 27/11/2008
Baztarrika, Tous, Joan e López

Baztarrika, Tous, Joan e López

O goberno balear sumouse este xoves ao protolo de colaboración en materia de política lingüística asinado en 2007 polos gobernos galego, catalán e vasco. No acto oficial, que tivo lugar en Palma de Mallorca, a directora xeral de Política Lingüística balear, Margalida Tous, subscribiu o acordo cos seus homólogos vasco, Patxi Baztarrika, catalán, Bernat Joan, e galega, Marisol López.

A incorporación das Illas Baleares ao acordo foi valorado positivamente polos catro representantes políticos. Marisol López deulle a benvida á directora xeral balear "para continuar un camiño no que será moi importante seguir traballando na valoración da diversidade lingüística do Estado Español", e engadiu que queda moita pedagoxía por facer.

Os responsábeis da política lingüística consideraron o acordo exemplar e modélico, polo que significa de cooperación dende o respecto ás peculiaridades de cada unha das linguas e ás diferentes opcións e realidades sociolingüísticas de cada país.

Cando xa van facer dous anos da sinatura do acordo, os membros valoraron positivamente os resultados. Periodicamente desenvolven xuntanzas para deseñar estratexias comúns para a promoción das linguas, para impulsar o multilingüismo a nivel estatal e dentro da Unión Europea. Un dos últimos acordos foi impulsar o discurso da Rede para Promover a Diversidade Lingüística (NPLD) desde a perspectiva do galego, o catalán e o éuscaro. Tamén participaron conxuntamente nas principais feiras de linguas de Europa.

O protocolo ao que se sumou o goberno balear fixa un marco xeral de colaboración para despregar accións de intercambio en materia de lingua, na promoción de medidas de protección e uso das linguas perante a administración do Estado Español e da UE, así como nos eidos socioeconómico, educativo, social e de difusión internacional. O documento tamén ten en conta que o 40 por cento da poboación estatal vive en territorios con máis dunha lingua oficial.


5/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: