Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica pola nova empresa pública

Sanidade defende a fin de unidades "á marxe" dos hospitais e o PP ve "trato de favor" a amigos

A Xunta asegura que se corrixen as asistencias que o PP levara fóra do servizo público. Os populares ven sombras e "incoherencias" nos cambios.

Redacción - 09:00 27/11/2008

Problemas de coordinación, fragmentación da asistencia e obstáculos para a continuidade asistencial foron algúns dos déficits que a conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio, lle atribuíu ao modelo deixado polo PP co Instituto Galego de Medicina Técnica (Medtec). "Funcionaba á marxe dos hospitais", resumiu Rubio Vidal ao respecto de unidades como as de resonancia magnética, radioterapia ou cirurxía cardíaca. A conselleira asegurou que o actual Goberno rexeita as estratexias que en materia sanitaria está despregando o PP aló onde goberna, e puxo exemplo con Madrid e Valencia, advertindo de que a prestación de servizos e a construción de hospitais están sendo levadas a cabo por concesionarias privadas e mesmo entidades financeiras de capital risco.

Deste xeito, María Xosé Rubio asegurou que a Xunta corrixe agora os pasos que o PP dera en Galiza cara a eses modelos. Nese sentido, defendeu que a nova empresa pública de servizos sanitarios creada pola administración, Galaria, garantirá por exemplo que os hospitais de Vigo e Ourense recuperen unidades asistenciais "das que lle privara o PP". Así, explicou que o ano próximo será de "transición" para a incorporación aos centros hospitalarios, "ao igual que sucedeu coa integración das fundacións", do persoal e equipamento diagnóstico. Insistiu a conselleira en que as infraestruturas sanitarias públicas serán "realizadas con recursos e medios públicos e apoiadas por empresas totalmente públicas, como Galaria e a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia (SPI)"

O PP ve "tráfico de influencias"
A interpretación é diferente desde o Partido Popular, xa que o voceiro de Sanidade do Grupo Popular, Miguel Santalices, entende que os cambios introducidos pola consellaría son mostra dun "dobre discurso". Analiza Santalices que a integración destas unidades do antigo Medtec na nova empresa pública Galaria serían un trasacordo da conselleira sobre a anunciada intención de integralas no Servizo Galego de Saúde.

Unha "incoherencia", en palabras do voceiro do PP, que insinúa a intención de Sanidade de crear un "hólding empresarial" arredor de Galaria, sinalando o aumento da súas funcións respecto ao vello Medtec, incluída a execución e explotación de infraestrutras sanitarias e prestación de servizos de consultoría no ámbito sanitario. Ao fío, Miguel Santalices acusa a consellaría de incorrer en "casos de trato de favor", achegando un contrato de 75 mil euros en materia de consultoría sobre a reorganización da área sanitaria de Vigo, adxudicado a unha filial da empresa "na que tiña intereses o anterior secretario xeral da consellaría".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: