Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crise económica

Touriño comprométese a estudar a ampliación de axudas ás empresas da automoción

O director de Citroën descoñece se a proposta de redución de empregos afectará tamén en Galiza.

Redacción - 18:55 21/11/2008
Touriño con Pierre Ianni

Touriño con Pierre Ianni

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse esta sexta feira a "estudar unha posíbel ampliación dos avais" e outras medidas de apoio crediticias para axudar ás empresas da automoción, xa que as axudas aprobadas polo Goberno para as pemas "resolven unha parte das dificultades, pero non todas".

Así o anunciou Touriña após reunirse en Vigo co director da planta do grupo PSA Peugeot Citroën, Pierre Ianni, e co presidente do Clúster de Empresas de Automoción de Galiza (Ceaga), Antonio Vega, ao tempo que afirmaba que a intención da Xunta é que "ningún proxecto viábel do sector da automoción quede truncado nin o tecido produtivo fique danado". Cando foi preguntado pola continuidade das medidas pensadas para reactivar o sector, máis alá da fochanca de decembro, Touriño sinalou que se está traballando "para resolver a situación presente", na que hai unha caída de la actividade.

A automoción, un sector estratéxico
O presidente do Goberno admitiu que a automoción é un "sector estratéxico", e por iso hai "vontade política de axudalo", tamén con outras medidas, alén das económicas, como a mellora da competitividade en materia de I+D+i para esta industria, na que, segundo dixo Touriño, "está a traballar" a Xunta.

Neste sentido, Touriño tamén revelou que a vindeirra terza feira ten programada unha xuntanza, en Compostela, co ministro de Industria, Miguel Sabestián, e os responsábeis doutras Comunidades Autónomas do Estado "onde o sector da automoción ten unha forte implantación", para programar algunhas "accións concertadas e coordinadas", encamiladas a "tomar medidas urxentes, rápidas e intensas", para que a crise non zoupe con forza na automoción. Así mesmo, lembrou que o vindeirpo 26 de novembro a Comisión Europea dará a coñecer un paquete de medidas para reactivar a economía, enfocadas cara os sectores do transporte e a automoción.

"Sairemos da crise cando a xente merque coches"
Foron as palabras de Pierre Ianni, director da planta que o Grupo PSA Peugeot Citroën ten en Vigo, quen quixo destacar o "traballo exemplar de coordinación entre o sector e a administración". Porén, Ianni lembrou que na planta só van fabricar "se a xente merca coches e a este respecto só se tomaron medidas a curto prazo", cualificando de "urxentes" as medidas para "reactivar o consumo".

En canto aos posíbeis despedimentos anunciados pola multinacional, Ianni sinalou que só son "baixas voluntarias, e non traumáticas", un mecanismo que xa se aplicou en Francia o ano pasado. En todo caso, o director de Citroën sinalou que non sabe como van afectar, as decisións tomadas en Francia nos designios dos traballadores vigueses.

Polo seu lado, o presidente de Ceaga, Antonio Vega, pediu medidas financeiras, unha vez que xa se adoptaron acordos para solventar "o exceso de persoal" cos plans de formación.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: