O polémico rexedor, que era o máis veterano de Galiza, foi vítima das diferenzas internas do seu propio partido.
Cando Manuel Candal chegou á alcaldía de Vilamartín de Valdeorras aínda non se estilaban as urnas para elixir os rexedores. Logo de 36 anos á fronte do municipio, o máis veterano dos rexedores do país, decidiu presentar este xoves a dimisión logo de reunirse co presidente provincial, Xosé Luis Baltar.
O líder da dereita ourensán convenceu a Candal para que abandonase o consistorio, logo de que os cinco concelleiros do PP (incluída a súa propia filla) protagonizaran unha revolta contra el. A pesar de atoparse só, Candal afirmaba nunha disparatada entrevista (ver vídeo) que tiña forzas para gobernar á vez que lle recomendaba aos do PP "que esperasen sentados" a súa dimisión.
Candal non só deixa a alcaldía, tamén renuncia á seguir formando parte da corporación. Mais a saga familiar podería seguir decidindo os destinos deste municipio da comarca de Valdeorras, o propio Baltar afirma que a súa filla María Xesusa Candal pode ser a sucesora.