Critica que non se axude a "todas as explotacións" a competir en igualdade e prognosticou unha "convulsión" cando, en 2015, se eliminen as cotas leiteiras.
O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, lamentou, ao coñecer a nova reforma da PAC (Política Agraria Común), que os Ministros de Agricultura dos 27 non realizasen unha "reflexión profunda" nin adoptasen "medidas" para paliar a crise que zoupa de cheo no sector lácteo.
De madrugada, o consello de Ministros de Agricultura aprobara a eliminación do sistema de cotas lácteas para 2015 -que irán aumentando un 1% cada ano, dende 2009-, e unha redución do 10% das axudas de aquí a 2012. Para o conselleiro galego, é "preocupante a convulsión" que, ao seu xuízo, se podería producir no mercado lácteo cando comece a materializarse o aumento progresivo da capacidade produtiva de todos os países da UE, porque os pequenos países non poderán competir cos xigantes leiteiros.
Para Suárez Canal, a UE segue a insistir en medidas que "acaban xerando convulsión na fixación dos prezos do leite en orixe" e "máis excedentes", xa que, segundo explicou, os Estados cuxa cota de produción supere a demanda interna poden terminar "colocando en outros estados deficitarios" a materia prima sobrante, en detrimento das leiteiras nacionais.
"Vemos con preocupación que non se adoptase ningún tipo de medida excepcional para afrontar a situación que se podería producir no sector no ano 2015", dixo, mentres seguía defendendo a necesidade de que se tivese situado a "todas as explotacións lácteas -as que tiveron e as que non tiveron que mercar cota no seu momento- nas mesmas condicións de competir", unha vez se liberalice a produción de leite en Europa. Neste sentido, o conselleiro dixo confiar en que, durante próximas xuntanzas do Consello de Ministros de Agricultura da UE se articulen mecanismos para preparar ese escenario "sen cotas".