Os 'populares' anunciaron este domingo que exixiran no Parlamento un informe detallado dos gastos da conselleira de Educación na viaxe.
Manuela López Besteiro
O PPdeG censurou este domingo os "cinco días de turismo institucional" da conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, na Arxentina, polo que a deputada popular, Manuela López Besteiro, reclamará que se dea conta detallada dos gastos desta viaxe.
En concreto, solicitará unha relación do número de persoas que integran a comitiva que acompaña á conselleira, así como un informe das diferentes actividades desenvolvidas no país latinoamericano e os resultados esperados con este desprazamento que, ao entender da voceira de Educación do Grupo Popular, se caracterizo pola "falta de contido"
Neste senso, o PPdeG denunciou que a Consellaría de Educación se vise "obrigada" a completar con "actos de recheo" o programa de Sánchez Piñón, "máis propio dun turista que pretende gozar do seu tempo de ocio", afirmou López Besteiro.
Ademais, consideran un "sen sentido" que a conselleira manteña unha xuntanza este luns en Bos Aires co secretario xeral de Relacións Exteriores, Xulio Fernández Mato. "Con el ben se podería reunir en Santiago, aforrando miles de euros pagados cos impostos de todos os galegos", recriminou a deputada.
Viaxe institucional
Segundo informan dende o departamento da Xunta, Sánchez Piñón iniciou o venres a visita oficial á Arxentina onde está a manter contactos con representantes de universidades, centros científicos e oficinas educativas. Ademais, está prevista unha reunión co seu homólogo, Juan Carlos Tedesco.