Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
INTERNET WIMAX

Compostela está a punto para poñer en marcha a súa rede sen fíos

A conselleira de Cidade Histórica participa nun encontro europeo de cidades dixitais e con conexións sen fíos

Redacción - 13:45 11/11/2008
Vista de Compostela dende o monte Pedroso / Webcam CRTVG

Vista de Compostela dende o monte Pedroso / Webcam CRTVG

A cidade de Santiago Compostela comezará a dispoñer, dentro dunhas semanas, de cobertura de internet sen fíos na súa área histórica. De feito, a concelleira responsábel de Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, atópase do 11 ao 13 de novembro no congreso Wireless and Digital Cities. O evento anual, de carácter europeo, desenvólvese en Barcelona e titúlase, desta volta, 'Connecting Communities'.

Durante tres xornadas, profesionais e expertos europeos darán a coñecer as súas experiencias na posta en marcha de redes sen fíos. Pedreira acode para coñecer de primeira man proxectos pioneiros no desenvolvemento da conectividade, como pode ser o caso da rede Wi-Fi de Barcelona. O achegamento a outras experiencias pode resultarlle de utilidade ao desenvolvemento da futura rede sen fíos de Santiago que incluirá servizos de WiMAX e Wi-Fi. Ademais, Compostela aspira a formar parte da Rede Europea de Cidades sen fíos.

Rede iCompostela

Na futura rede WiMAX da capital do país, coñecida como iCompostela, haberá acceso de balde á internet en parques e espazos públicos e tamén nos domicilios, aínda que estará restrixida á consulta dun número reducido de páxinas, que inclúe as das administracións e medios de comunicación. Porén, será posíbel unha navegación aberta coa adquisición de bonos de tempo.

Actualmente, estase a rematar a fase de despregue dos repetidores do sinal WiMAX por diferentes localizacións da Cidade Histórica de Santiago. Nas próximas semanas comezarán as primeiras emisións en probas que tamén incluirán o Wi-Fi gratuíto nas prazas da zona vella. Segundo informa a concellaría, o servizo iCompostela non pretende competir cos servizos que proporcionen outras operadoras, senón complementar e dar máis opción na que escoller nunha zona na que a competencia practicamente se reduce a unha soa prestadora de servizos.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: