Para que os nenos a nenas, os vellos e máis as vellas xoguen cos brinquedos de sempre, esta terza feira, 11 de novembro, celébrase o Día do Peón.
"Hoxe en día cómpre dar alternativas aos tempos de lecer dos nenos e nenas en xeral. Debemos procurar que xoguen, que gocen da súa nenez, que sexan algo máis creativos, máis sociais; é dicir, que medren brincando", así comezan explicando, dende a Rede Galega do Xogo Tradicional a importancia dos xogos tradicionais, e entre eles, o peón, trompo, buxaina... Un brinquedo feito de madeira que este ano tamén ten o seu día: esta terza feira 11 de outubro celébrase en toda Galiza o Día do Peón, soando de fondo: "Polo San Martiño, peóns ao camiño!".
O peón (trompo, buxaina) é un brinquedo feito en madeira, que ten forma cónica e que está rematado nunha punta metálica (ferrón); a este enrólaselle unha corda (piola ou baraza) para o lanzar e facer que vire. Na parte de riba do peón sobresae un anaco de madeira (pirucho) e a zona máis ancha do xoguete recibe o nome de barriga ou panza. Xogar non é doado, pero é cuestión de práctica. Para que os nenos e as nenas practiquen, e non esquezan este xogo tradicional, Brinquedia volve botar os peóns ao camiño, coa axuda de centros de ensino, concellos, asociacións... que esta terza feira han tirar da corda. O que se persegue é que toda persoa que desexe celebrar este día, consiga un bailarete e o decore ao seu xeito, ao tempo que investiga na súa zona para coñecer as habilidades que con el se facían. Crearanse cartaces, exposicións, lerase un manifesto, en diferentes lugares de todo o país á hora sinalada (ao mediodía), realizaranse exhibicións cos peóns, marcarase un espazo fixo nos centros escolares, dedicado á buxaina... Unha chea de actividades na que participaron, o ano pasado, uns 6.000 escolares.
O acto central será en Noia, ao mediodía, e o manifesto lerao o líder do equipo ciclista profesional galego, o Xacobeo Galicia, Ezequiel Mosquera. Bótenlle aquí un ollo ao manifesto que se leu o ano pasado (en .pdf).