Pero non os que van traballar día si e día tamén. Falamos dos trompos, as buxainas... as de xogar. Brinquedia escolleu o 9 de novembro para a celebración.
A Rede Galega de Xogo Tradicional Brinquedia convoca esta xornada reivindicativa e festeira para promover e potenciar a práctica do xogo tradicional, ademais de preservar a nosa cultura e o patrimonio inmaterial galego.
O venres 9 de novembro ás 09:00 horas é o momento xusto para guindar peóns e facérmolos bailar todos a unha, por todo o país.
E aínda hai, Polo Santo Amaro, peóns ao faiado!
O obxectivo desta convocatoria vai alén deste día. O que se quere é que cada persoa consiga un peón de seu, decorado ao seu xeito, e que lles permita participar, a todos xuntos, a nenos e vellos, no baile e na elaboración de cartaces, exposicións, exhibicións e concentracións nas prazas públicas. Algo que Brinquedia quere conseguir avisando nos colexios, nos centros de ensino e centros sociais de Galiza para que o vindeiro 9 de novembro todo vire ao tempo que viran os peóns.
Os peóns
Son xoguetes de madeira torneados, cun cravo de ferro na punta (ferrón), e un anaco de madeira redondo na parte de arriba (pirucho).
Sábese que é un xogo moi antigo e ao parecer xa se practicaba na época dos exipcios. Co paso do tempo apareceron numerosas variantes do xogo, pero a máis estendida é a que consiste en bailalo, despois de o ter amarrado cunha pequena corda, piola ou baraza ao seu redor.