"Non lle deberemos nada a ningún ilustre", dixo Xoán Carlos Bascuas, elixido secretario xeral do ESG, asegurando que a mocidade, "ilusión" e vontade de traballo danlle amplo potencial de crecemento á formación.
"A época de cambios rápidos e veloces que vivimos require de forzas políticas capaces de adaptarse con axilidade a eses cambios", afirmou Xoán Carlos Bascuas, escollido este sábado secretario xeral do Espazo Socialista Galego (ESG) na intervención coa que pechou a asemblea constituínte do novo partido no seo do BNG. Ao fío, explicou Bascuas que aínda concedendo a posibilidade de que o frentismo "poida ser reinterpretado" en favor de maior capacidade de autonomía do Bloque como organización, "acabar co frontismo non resolverá os problemas, porque se expresarán doutro xeito e incluso peor".
Nese sentido, insistiu o secretario xeral de ESG que a formación nace coa firme convicción de "ser BNG" e traballar en favor do proxecto común cos obxectivos inmediatos de "sumar máis presenza no Parlamento e converter a Anxo Quintana en presidente de Galiza, volver ter voz na Unión Europea e conseguir un Estatuto de nación" para o país. Nese camiño, Bascuas reflexionou que os colectivos que integran o BNG deberan ser ferramenta de enriquecemento "ideolóxico" para o Bloque e instrumento para a participación activa da militancia. Nesa liña, dixo estar seguro de que o novo partido atenderá un espazo ideolóxico amplo no interior da formación frentista que "até o de agora non tivera a fortuna de atopar resposta no corpo organizativo do Bloque".
Alén de facer un repaso polas bases ideolóxicas coas que nace ESG, "nacionalismo de esquerdas de carácter socialista, republicano e europeo", o secretario xeral da formación reparou especialmente no peso da xuventude nunha formación que nace con case 300 afiliados cunha baixa media de idade. "Outros partidos din que a mocidade é o futuro, nós non podemos permitirnos ese luxo e por iso sodes o presente", sentenciou.
Representación diversa nos órganos de dirección
O director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Oca, aparece como o máis veterano da comisión executiva nacional da formación. Desde ESG salientan a pluralidade de representación coa que nace o partido, onde tamén aparecen entre outros o deputado Xosé Ramón Paz Antón e Charo Fernández Velho, membro da executiva nacional. Raúl Francés, Mónica Góñez, Vítor Manuel Meizoso, Tereixa García, , Manoel Bello, Paulo López, Saúl Santín ou Alberte Vila son outros dos membros do Consello Nacional.
Por outra parte, á presentación do partido asistiron membros das diferentes correntes do BNG e o propio secretario de Organización do Bloque, Alberte Ansede, quen lle deu formalmente a benvida a ESG. Entre os convidados estaban tamén a conselleira de Vivenda, Tareixa Táboas, o deputado Carlos Aymerich, Iria Aboi (Galiza Nova), Martiño Noriega (Encontro Irmandiño), Suso Veiga (Inzar); Francisco García (UPG) ou Antonio Somozas (Movemento pola Base).