Coinasa Liceo da Coruña e Cerceda Liceo xogarán este mércores o partido decisivo a partir das 20:00 horas, en Cerceda.
A final dispútase coa certeza de que o trofeo descansará nas vitrinas do Liceo
O pavillón Fernando González Laxe de Cerceda acollerá este mércores a final da Copa Galiza, dende as 20:00 horas. O Liceo Coinasa da Coruña xogará contra o seu filial, o Cerceda Liceo, nun partido curioso por enfrontarse dúas seccións dun mesmo club.
Os locais chegan ao encontro como actuais líderes da Primeira División estatal, con catro partidos gañados e un empate no seu haber. O equipo coruñés, pola súa parte, chega como cuarto clasificado da OK Liga, máxima competición a nivel estatal, onde aínda non coñece a derrota.
Para chegar até a final de hoxe o Cerceda Liceo tivo que desfacerse do Vigo Stick nos penaltis, mentres que o Liceo Coruña superou cun axustado 5-4 aos seus veciños do CIFA Patín.