O Liceo enfróntase este martes ao Patín da Coruña, mentres que o mércores xogarán Vigo Stick e o Coinasa Cerceda.
O Liceo Coinasa Coruña e o CIFA Patín disputan este martes a primeira semifinal da Copa Galiza de Hockey. O Liceo encara o encontro como claro favorito ao ser o único equipo galego participante na OK Liga, máxima división estatal. O equipo que adestra José Querido ocupa actualmente a terceira posición nesta competición. Pola súa parte o Patín chega ao derbi despois de perder, a semana pasada, no partido da segunda liga estatal ante o Alcobendas. A semifinal terá lugar ás 20:30 no Pazo dos Deportes da Coruña.
A outra semifinal enfronta o mércores a Vigo Stick e Liceo Coinasa Cerceda, dous equipos da segunda liga estatal. Os vigueses están a ter un mal comezo de liga, polo que teñen na Copa unha boa oportunidade para redimirse. Chegan ao partido ante o filial do Liceo despois de perder na casa do Oviedo, e ocupan o décimo lugar na súa liga. O Liceo Coinasa Cerceda, pola súa parte, chega nun gran momento de forma, como segundo clasificado na competición da regularidade. O partido disputarase ás 21:00 horas no pavillón de Bouzas.
A final enfrontará aos vencedores desta rolda nunha data que aínda está por determinar. A Federación Galega de Patinaxe pensa no 29 de Outubro ou 5 de Novembro como posíbeis datas.