Mentres o PP cualifica de "trampa" a manobra do rexedor, os nacionalistas adiantan que non teñen "ningunha confianza" nel.
"Xa que os do non se xuntaron, agora que se xunten para o si". Así resumiu Xosé López Orozco as vías que lle quedan á oposición para impedir a aprobación dos orzamentos propostos polo grupo de goberno. Despois de que as contas non recibisen o visto bo nin do BNG (catro concelleiros) nin do PP (nove edís), o goberno socialista en minoría (12 concelleiros) indagou noutras opcións para evitar ter que prorrogar os presupostos deste ano. Orozco lanzou un órdago á oposición que mesmo lle podería custar o posto de alcalde: o vindeiro luns 10 de novembro formulará ao pleno municipal unha cuestión de confianza vencellada á aprobación dos orzamentos.
Segundo a lexislación (artigo 197 da Lei Orgánica do Réxime Electoral), se os socialistas non obteñen os votos suficientes para superar a cuestión de confianza na votación nominal (cousa que loxicamente sucederá ao carecer da maioría absoluta), abrirase un prazo dun mes no que os grupos da oposición poderán impulsar unha moción de censura e presentar un candidato á alcaldía alternativo. De aí a suxestión de Orozco a que se poñan de acordo, única vía para desaloxar o rexedor da súa cadeira de mando. Con todo, é ben difícil que PP e BNG cheguen a algún tipo de consenso neste sentido, máis coas eleccións ás portas, polo que o PSdeG presume un bo final para esta historia. Ao pasar un mes e se non hai candidato alternativo, quedaría aprobado o proxecto de orzamentos do Concello deseñado polo actual grupo de goberno.
"Os intereses que me importan a min son os de Lugo", dixo Orozco subliñando que a aprobación das contas é o único xeito de non paralizar obras importantes para a cidade: "se a oposición pensa o contrario, que fagan os seus orzamentos e que gobernen eles". Ademais, o alcalde xa adiantou que esta manobra política conta co beneplácito dos órganos de dirección do PsdeG, tanto no ámbito local como no autonómico.
Unha "trampa" para a oposición
Tanto o BNG como o PP xa adiantaron que non presentarán unha moción de censura. Esas foron polo menos as súas primeiras reaccións, logo de cualificar a decisión do grupo de goberno como unha "trampa". Neste sentido se manifestou o voceiro popular, Xoaquín García Díez, quen considerou esta manobra unha "estratexia perfectamente calculada" polo alcalde para "sacar os orzamentos pola porta de atrás".
Da súa banda, o dirixente do BNG, Xosé Anxo Laxe, ironizou asegurando que non ten "confianza ningunha" no alcalde, se ben tamén adiantou que non presentará unha moción de censura. Ao tempo interpretou a acción de Orozco como unha mostra de "extrema debilidade" do goberno en minoría dos socialistas.