Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE

Os parados poderán aprazar dous anos o pago da metade da súa hipoteca

Bruxelas confirma a entrada na temida recesión, un período que no Estado Español durará até comezos de 2009 e que elevará a taxa de paro ao 15%.

Redacción - 15:00 03/11/2008

Centrar as axudas do goberno estatal no elo máis feble da cadea. Esa é a mensaxe que este luns quixo dar o presidente do executivo español, Rodríguez Zapatero, despois das subvencións achegadas á banca. No mesmo día en que coñeciamos o diagnóstico da Comisión Europea no que xa se fala de recesión, o xefe do executivo anunciou a moratoria temporal parcial e voluntaria da obriga do pago mensual das cotas hipotecarias durante dous anos.

Os beneficiarios serán os parados con cargas familiares e con dereito a prestación, os autónomos que se vexan na obriga de pechar os seus negocios ou que vexan reducido o seu beneficio en tres veces o IPREM e os pensionistas con cargas familiares. Iso si, a hipoteca non poderá ter un valor superior aos 170 mil euros e o aprazamento do pago ten un límite de 500 euros mensuais. Comezará a aplicarse a partir do primeiro de xaneiro de 2009 e desenvolverase nun período máximo de 24 meses, é dicir, até o 31 de decembro de 2010. Segundo as previsións do goberno, esta medida podería beneficiar a máis de 500 mil persoas.

Doutra banda, o presidente do goberno tamén anunciou que a devolución fiscal que recibe quen paga unha hipoteca cando fai a súa declaración de facenda será incorporada ás retencións mensual das súas nóminas. Así reduciranse esas deducións en dous puntos e permitirá aos cidadáns dispoñer antes dese beneficio fiscal. Esta medida aplicarase a quen teña rendas inferiores a 33 mil euros e a previsión é que beneficie a tres millóns e medio de contribuíntes.

Bruxelas confirma a entrada na temida recesión
Zapatero anunciaba esta medida no mesmo día en que a Comisión Europea diagnosticaba a recesión para a zona euro. Aínda máis, as perspectivas para o futuro crecemento son frouxas: o PIB español caeu no terceiro trimestre do ano o 0,2% e a previsión é que volva a baixar no cuarto (-0,3%) e nos primeiros meses de 2009 (-0,1%). Así o desvelou este luns a Comisión Europea, logo de actualizar as súas previsións de crecemento e inflación.

Como resultado da recesión, no conxunto de 2008 a economía española rexistrará un avance do 1,3% (fronte ao 3,7% do 2007) e contraerase en 2009 (-0,2%), para volver a taxas positivas en 2010 (0,5%). Estas cifras son peores que as previstas para o conxunto da eurozona (1,2% en 2008; 0,1% en 2009 e 0,9% en 2010).

Forte suba do desemprego
O paro escalará até o 13,8% o ano que vén e seguirá subindo, até o 15,5% en 2010. Mentres, o déficit público chegará até o 2,9% do PIB en 2009 e ao 3,2% en 2010. A previsión é que a economía comece a destriír emprego este ano (-0,2%), unha tendencia que se agravará en 2009 (-2%) e continuará en 2010 (-0,9%). A Comisión Europea apunta entre as causas desta situación ao axuste do sector inmobiliario, a caída da confianza dos consumidores, a suba do petróleo e dos alimentos e á crise financeira.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: